O San Froilán 2025 recupera o concerto da Banda Municipal e reforza os servizos sociais e de transporte

LugoXa
O Concello anuncia medidas inclusivas, puntos violetas e buses urbanos especiais ata as tres da mañá para facilitar a participación da veciñanza
Xunta-de-Goberno-Concello-de-Lugo
1 Oct 2025

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, confirmou que a Banda Municipal regresará ao San Froilán cun concerto especial no templete da Praza Maior. A actuación terá lugar o xoves 9 de outubro a partir das sete da tarde e, segundo explicou, será “unha actividade máis dentro da gran festa do outono galego”.

A edición de 2025 volverá incorporar iniciativas sociais para distintos colectivos, co obxectivo de facer das festas unha cita accesible a toda a cidadanía. Entre elas figura a xa consolidada hora sen ruído, que se aplicará todos os días no recinto feiral entre as 17:00 e as 18:00 horas, co fin de facilitar a asistencia de persoas con Trastorno do Espectro Autista. En colaboración coa asociación Raiolas tamén estarán dispoñibles cascos antiruído, que poderán retirarse e devolverse na caseta de turismo da Praza Maior.

Os concertos e actuacións contarán con espazos reservados para persoas con mobilidade reducida, mentres que no recinto feiral habilitarase unha caseta de lactancia, situada xunto á caseta do comisariado, con zona de alimentación e cambiadores de cueiros. Esta instalación será xestionada pola asociación Bico de Leite.

No ámbito da seguridade, Ferreiro destacou a colaboración dos taxistas, que contribuirán a detectar situacións de risco ou comportamentos anómalos, ofrecendo atención ás vítimas e contactando cos servizos pertinentes de ser necesario. Ademais, instalarase un Punto Violeta os días 4, 5, 10, 11 e 12 de outubro, entre as 21:00 e as 02:00 horas, na praza de Fernando de Casas Novoa, no fondo da Praza Maior.

A edil anunciou tamén, xunto co tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, un reforzo dos servizos de transporte público. As principais liñas de bus urbano que comunican o centro coas diferentes zonas da cidade prolongarán o seu servizo ata as tres da mañá, co obxectivo de que toda a veciñanza poida asistir ás festas e regresar á casa con seguridade. Ademais, os aparcadoiros do Pazo Provincial dos Deportes e das Termas funcionarán como estacionamentos disuasorios, conectados co centro mediante as liñas 1.2, 1.4, 9, 10, 12 e 13, que tamén ampliarán horarios durante as xornadas de maior afluencia (4, 5, 11 e 12 de outubro).

En canto ás modificacións de traxectos, a liña 1.2 Campus USC–O Ceao–HULA funcionará ata as 03:07, eliminando a chegada ao hospital e suprimindo a parada da Praza de Bretaña, que será substituída por outra en Celso Emilio Ferreiro esquina Ramón Ferreiro. A liña 1.4 prolongarase ata as 03:12 con cambios de percorrido similares, mentres que as liñas 9/12 circularán ata as 03:15 e as 10/13 ata as 03:00, con adaptacións puntuais nas súas paradas habituais.

Ferreiro subliñou que o San Froilán 2025 reforza a súa vertente cultural coa volta da Banda Municipal, ao tempo que potencia a súa dimensión social, inclusiva e segura, garantindo que toda a veciñanza poida gozar da principal festa de Lugo en igualdade de condicións.

⚙ Configurar cookies
0.097228050231934