O San Froilán 2025 reforza o Plan de Autoprotección adaptándose ás novas rúas peonís

LugoXa
O alcalde de Lugo presidiu a Xunta Local de Seguridade para coordinar os dispositivos e garantir a protección da veciñanza e visitantes durante as festas
Xunta-Local-Seguridade-San-froilán-2025
29 Sep 2025

O Plan de Autoprotección do San Froilán 2025, presentado na Xunta Local de Seguridade presidida polo alcalde de Lugo, Miguel Fernández, incorpora este ano novidades nos operativos de emerxencia adaptados ás novas rúas peonís do centro histórico e do barrio de Recatelo, facilitando unha mellor resposta ante posibles evacuacións e controis nos distintos dispositivos de emerxencias.

A estrutura do plan mantense similar á de edicións anteriores, conservando escenarios e horarios dos actos de maior afluencia, aínda que o remate das obras de peonalización implica axustes nos dispositivos especiais para garantir unha resposta eficaz ante distintas situacións de emerxencia.

Desde a Policía Local subliñouse a análise de riscos internos, como atraccións, incendios ou aglomeracións, e externos, como choivas e ventos, así como a planificación das rutas de evacuación e acceso aos servizos de emerxencia, como o PAC ou o Hula. O intendente xefe detallou o reforzo de efectivos en todas as quendas, especialmente os fins de semana, con ata nove ou dez patrullas por quenda, ademais de unidades específicas no feiral, nos cortes de tráfico en Porta de Santiago e Ramón Ferreiro, e patrullas permanentes para control de ruídos e vixilancia mediante cámaras. Tamén se incrementará a presenza de efectivos para control de drogas e horarios de hostalaría.

O resto de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado reforzarán a súa presenza, con máis policías nacionais en cidade e Comisaría, controis de tráfico da Garda Civil e dous sectores de Bombeiros, un no parque e outro alterno en Praza de Armañá e Pavillón municipal, con ata 11 efectivos por sector.

A Xunta Local de Seguridade contou coa presenza da nova subdelegada do Goberno, Olimpia López, e da concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, así como de responsables de Policía Nacional, Policía Local, Subsector de Tráfico da Garda Civil, Policía Autonómica, Corpo de Bombeiros e Protección Civil. Miguel Fernández destacou o traballo coordinado de todos os corpos e servizos municipais para garantir unhas festas seguras, tanto para a cidadanía como para os milleiros de visitantes, favorecendo a convivencia e o desfrute das patronais sen incidentes.

O San Froilán deste ano desenvolverase entre o 4 e o 12 de outubro con preto de 200 actividades, máis de 100 delas musicais, incluíndo animación en todos os barrios e tres escenarios principais nas prazas Horta do Seminario, Santa María e Mosqueira. Durante a celebración, todos os corpos de seguridade coordinarán esforzos para controlar aspectos como os ruídos no recinto feiral e a seguridade viaria nos accesos á cidade.

⚙ Configurar cookies
0.08688497543335