O San Froilán incluirá unha ampla programación deportiva este ano

LugoXa
O concelleiro de Xuventude subliñou a importancia de contar cunha ampla oferta de actividades que dean visibilidade ao traballo dos clubs e animen á participación da veciñanza
deporte-no-San-Froilán
21 sep 2024

A Concellería de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo, dirixida por Jorge Bustos, presenta a programación deportiva das festas de San Froilán 2024.

Este ano, o deporte converterase nun dos eixos centrais da celebración, con 16 actividades que se desenvolverán do 21 de setembro ao 13 de outubro.

Segundo o concelleiro, "San Froilán é unha celebración única na que a nosa identidade como cidade brilla en todo o seu esplendor. O deporte, ligado á sociedade lucense, non podía faltar nesta programación". As festas deste ano reunirán quince disciplinas diferentes, o que reflicte a riqueza e variedade da oferta deportiva de Lugo.

"O tecido asociativo vinculado ao deporte en Lugo é fundamental. Grazas ao traballo e compromiso dos clubs, o deporte segue a ser unha parte esencial da nosa cidade. Esta programación reflicte esa diversidade, demostrando unha vez máis que Lugo é deporte", engadiu Bustos.

O concelleiro subliñou tamén a importancia de contar cunha ampla oferta de actividades que dean visibilidade ao traballo dos clubs e animen á participación da veciñanza. "San Froilán é moito máis que festa; é un reflexo da identidade lucense, na que o deporte ten un lugar destacado", recalcou.

A programación para estas datas permitirá que os veciños e veciñas gocen dunha ampla variedade de disciplinas, fortalecendo así o carácter deportivo da cidade.

PROGRAMA

  • Voleibol: IV Torneo de Voleibol San Froilán, sábado 21 de setembro na Casa do Deporte.
  • Tiro con arco: Trofeo San Froilán Tiro con Arco, sábado 28 de setembro no Polideportivo Municipal Daniel Cordido.
  • Judo: XLIX Torneo de Judo San Froilán, domingo 29 de setembro no Pabillón Municipal dos Deportes.
  • Baloncesto: Liga ACB, C.B. Breogán - Manresa, sábado 5 de outubro no Pazo Universitario dos Deportes.
  • Rugby: Torneo San Froilán de Rugby, sábado 5 de outubro nas Pistas Gregorio Pérez Rivera.
  • Golf: XXVIII Torneo de Golf San Froilán, sábado 5 de outubro no Club Golf Lugo.
  • Fútbol sala: 2ª División Nacional, Lugo Sala - Barça Atlètic, sábado 5 de outubro no Pabillón Municipal dos Deportes.
  • Fútbol: Primeira Federación, CD Lugo - Nàstic de Tarragona, domingo 6 de outubro no Estadio Anxo Carro.
  • Softbol: X Copa Softbol San Froilán, domingo 6 de outubro no Campo Municipal de Beisbol O Ceao.
  • Tenis: Torneo San Froilán de Tenis, do 4 ao 10 de outubro nas Pistas Tenis Municipais Frigsa.
  • Pádel: Torneo Pádel San Froilán, do 11 ao 20 de outubro en Lucus Pádel.
  • Atletismo: Saltar na Rúa, sábado 12 de outubro na Praza Horta do Seminario.
  • Dardos: Open San Froilán de Dardos de Billar Pool, sábado 12 de outubro en Tiempos Modernos.
  • Voleibol: Liga Iberdrola, Arenal Emevé - OCISA Aro Rioja Volei, sábado 12 de outubro no Pabillón Municipal dos Deportes.
  • Voleibol: Superliga Masculina, Arenal Emevé - UPV Leleman Conqueridor, sábado 12 de outubro no Pabillón Municipal dos Deportes.
  • Balonmán: Liga Galega Senior Masculina, CP Lucense – Balonmán Ribadosar, sábado 12 de outubro no Polideportivo Municipal Casa do Deporte.

Jorge Bustos rematou destacando que esta programación deportiva "demostra o compromiso do Goberno local co deporte como elemento de unión e participación veciñal, ofrecendo actividades para todos os gustos e idades. A concentración destes eventos deportivos nun corto periodo de tempo e coincidindo coas festas patronais vai permitir tamén o incremento de pernoctas na cidade, co retorno económico que isto supón".

0.20429706573486