O San Froilán Miúdo enche Lugo de animación e espectáculos para toda a familia

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, destacou “a calidade e a variedade” da programación do San Froilán Miúdo, un conxunto de actividades pensadas para o goce de toda a familia que se desenvolven tanto nas rúas como na carpa instalada no aparcadoiro do Seminario. A responsable municipal subliñou que “esta edición achega a Lugo algúns dos mellores espectáculos do panorama galego, estatal e internacional”.
Ferreiro, acompañada polo tenente de alcalde Rubén Arroxo, asistiu ao espectáculo Circo Krasnovorak da compañía Troula, que conta con dous pases ao longo da xornada, ás 12:30 e ás 17:30 horas. A proposta parte da carpa do Miúdo e percorre as rúas Anxo López Pérez, Bispo Aguirre, a praza Maior e Campo Castelo, levando a festa a distintos puntos da cidade. “Cada ano, a animación de rúa é un dos piares fundamentais do San Froilán”, sinalou a concelleira, quen destacou tamén que “nesta edición trouxemos espectáculos de gran calidade tanto no ámbito escénico como na animación de rúa”.
O San Froilán Miúdo 2025 inclúe catro espectáculos itinerantes: Pilots de La Finestra, recoñecido co Premio Fetén 2025 ao mellor espectáculo de rúa, que se celebrou o Día de San Froilán; Circo Krasnovorak de Troula; e Rum rum e Transhumancia, ambos da compañía Xip Xap Teatre, que se representarán o sábado 11 e o domingo 12 como peche das actividades familiares.
Na carpa do San Froilán Miúdo, o público pode gozar dunha ampla programación con propostas como Pocket Loop da Compañía StopStoi, Tranvía nº12 de La Finestra, Crunch 2 de Muu, Humanus Comicus de Mondo Costrini, Gran Sonata de Le Pluant, De Vilatriste a Vilalegre de Teatro ao Cubo, Historias para escagarriñarse de Teatro Ghazafelhos, ademais do tradicional Festival Infantil de Cántigas e Frores.