O San Froilán recupera o desfile do gando
O centro de Lugo recuperou o desfile do gando no marco da ExpoLugo Rural. O desfile celebrou este ano a súa décima edición despois de dous anos sen poder realizarse debido ás restriccións derivadas da pandemia. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, afirmou que ”esta mostra reúne a unha selección de animais de razas autóctonas de Galiza, e é unha das actividades máis esperadas do San Froilán cada ano”.
O desfile contou coa participación de 10 asociacións que mostraron o traballo realizado para recuperar as razas autóctonas galegas, e percorreu o treito peonil da Ronda da Muralla, a praza da constitución, continuando por Campo Castelo para dirixirse á praza Maior e Bispo Aguirre. A agrupación lucense Cántigas e Frores foi a encargada da animación musical do evento.
Durante toda a fin de semana haberá unha exposición no Pazo de Feiras que contará con visitas guiadas polo Bolechas e un menú para degustar productos autóctonos.
ExpoLugo A Rural tamén acollerá unha ampla mostra de animais vivos de razas autóctonas, coa presenza de criadores e criadores de cabalo de pura raza galega, porco celta, galiña de Mos, ovella e cabra galega, e vacún de raza rubia galega e das razas cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa (Boaga). Este ano é novidade un certame e exhibición de can de pastoreo e manexo de gando, a cargo de Ovica e Actican.
No espazo expositivo terán tamén presenza firmas de comercialización e venda de produtos agrogandeiros de razas autóctonas, entre elas, as comercializadas polas propias asociacións de gandeiros e a plataforma de venda en liña Son de Lugo, que agrupa unha vintena de produtores e produtoras lucenses.
Entre as actividades lúdicas e divulgativas desta nova edición destaca a presenza dos Bolechas, que guiarán aos nenos e nenas polas distintos puntos do espazo expositivo trasladándolles aos máis pequenos e pequenas a importancia do traballo de gandeiros e gandeiras. Estas visitas guiadas constarán de catro pases nos seguintes horarios sábado ás 17.45 e ás 18.45 e domingo ás 11.45 e ás 12.45.
O programa de ExpoLugo tamén incide na promoción dos produtos agrogandeiros co Menú autóctono, a base de produtos de razas autóctonas e comercializados polos expositores da feira, que se poderá degustar na recén inaugurada cafetaría do Pazo, O Pazo Eventos.
ExpoLugo A Rural estará aberta o sábado e o domingo, en horario continuo de 11.00 a 20.00 horas e con entrada de balde.