O San Froilán 2024 xa ten cartel anunciador
O San Froilán e o San Froilán Miúdo xa teñen carteis anunciadores. O xurado, composto por Bruno López Rodríguez (ELERRE), deseñador gráfico e membro da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, Elsa Vázquez Martínez, pintora e profesora no IES de Lalín e a Cándido Díaz Mosquera, profesor e representante da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón, escolleu o cartaz gañador entre 40 propostas presentadas para ser a imaxe do San Froilán 2024.
O artista Isidro Gil Morales, coa súa proposta titulada "Globo" foi proposta escollida polo xurado como imaxe do San Froilán 2024, mentres que Rosalía Longarela Santos, de 14 anos, co seu traballo "Os amigos de San Froilán sempre volverán" será a imaxe do San Froilán Miúdo. Isidro Gil Morales recibirá un premio de 2.000 euros e Rosalía Longarela Santos recibirá material de pintura e debuxo valorado en 300 euros.
Rubén Arroxo lembrou que a área de Cultura está "traballando nos distintos pregos das festas, como son as casetas, a colocación do recinto feiral e a produción dos escenarios, que anunciaremos nos vindeiros días". A área de Cultura ten xa abertas distintas cuestións relacionadas coa organización das festas,como os procedementos para participar na feira Gastroarte e para a instalación de 17 postos durante as festas de San Froilán no recinto feiral, en Rodríguez Mourelo para stands de venta e en García Portela para xogos de habilidades ou o alumeado das festas. A área de Cultura prorrogará os contratos das casetas e caldeiros de polbo e mantén aberto o prazo de licitación para a instalación da caseta e caldeiro nº 2 durante as festas neste ano 2024.