O sector da limpeza de Lugo chega a un preacordo dunha suba salarial do 18,3% en 4 anos

LugoXa
Na reunión da mediación deste mércores, a CIG e a patronal acadaban un preacordo para o convenio colectivo provincial da limpeza de Lugo.
sector limpeza folga
22 Feb 2024

Na reunión da mediación deste mércores, a CIG e a patronal acadaban un preacordo para o convenio colectivo provincial da limpeza de Lugo. O texto será sometido á votación das traballadoras e traballadores nas asembleas xerais que se realizarán este xoves día 22, ás 11.00 horas e ás 17.00 no salón de actos da casa sindical e, de ser aprobado, suporá a desconvocatoria da folga iniciada o pasado 16 de outubro.

En materia económica, conseguiuse un incremento total do 18,3 % durante a vixencia do convenio (2022-2026). Por anualidades, páctase unha suba do 3 % para 2022 (dende o primeiro momento a patronal teimou na conxelación salarial para este exercicio); do 3,1 % para o ano 2023; do 4 % para os anos 2024 e 2025; e do 4,2 % para 2026.

A representante da CIG, Asunción Castiñeira, destaca que estes son os incrementos máis elevados dos asinados até agora no convenio provincial da limpeza e, a nivel estatal, constitúen as subas máis altas das pactadas nos últimos tempos no sector. Tamén superan os incrementos acordados pola patronal española, UGT e CCOO no V acordo estatal de negociación colectiva.

Estas subas aplicaranse tamén ao plus de traballo en domingos e festivos cos correspondentes atrasos, e logrouse incluír unha cláusula pola que se garante que todas as traballadoras e traballadores cobrarán, como mínimo, o SMI vixente en cada momento.

Ademais, establécese unha cláusula de penalización pola que ao remate do convenio, no caso de non constituírse a comisión negociadora no primeiro trimestre de 2027, aplicarase de maneira automática un aumento da táboa salarial do 2 %. Con esta medida búscase impedir as manobras patronais para non actualizar o convenio que se veñen repetindo en cada negociación, ben negándose a constituír a mesa ou ben alongando indebidamente as negociacións.

A antigüidade non se toca

“Pero un dos éxitos da exemplar loita das traballadoras radica en que conseguiron frear os recortes na antigüidade que pretendía impor a patronal, modificando o sistema de cálculo para pasalo a unha contía fixa”, epxlican dende a CIG. Deste xeito, a contía dos trienios seguirá sendo unha porcentaxe do salario base, polo que as traballadoras tamén verán incrementadas as retribucións que perciben por este concepto conforme aos incrementos salariais pactados.

Xunto a isto, acadáronse melloras nas percepcións das vacacións, nos permisos ou na póliza de accidentes. E tamén unha garantía para que as traballadoras e traballadores que participaron na folga, que cumpre 129 días, perciban os atrasos íntegros e non vexan afectadas as súas vacacións.

Castiñeira pon en valor que chegar a este preacordo só foi posíbel grazas á determinación das traballadoras que apostaron pola mobilización e pola folga para enfrontar a unha patronal que pretendía consolidar a precariedade e a miseria salarial, e alongar a negociación do convenio sen fin para non aplicar ningunha mellora nas condicións de traballo.

A representante da CIG fai un chamamento ao persoal do sector a que participe nas asembleas abertas convocadas para este xoves para informarse dos termos do preacordo e manifestar a súa opinión ao respecto.

0.11834001541138