O sector do metal de Lugo irá á folga o 10 de maio

LugoXa
O metal de Lugo irá á folga o 10 de maio para reclamar un convenio digno, segundo comunicaron os tres sindicatos
acordo folga metal sindicatos
5 Maio 2023

Os traballadores e as traballadoras do siderometal e do comercio do metal da provincia de Lugo irán á folga o mércores 10 de maio para reclamar convenios colectivos dignos. Así o confirmaron os representantes das tres centrais sindicais nunha comparecencia de prensa para valorar os nulos avances na reunión coa patronal.

Unha reunión que, apunta Alfonso Losada, da CIG-Industria, durou pouco máis de media hora e á que a patronal se presentou cunha proposta "totalmente insuficiente". "Só soben os atrasos dos 340€ até os 500€ (o que non chega nin ao 50% do que lle correspondería a moitas categorías), ofrecen medio punto máis no incremento global e ábrense a ampliar a turnicidade a empresas que teñen persoal subrogado", explica.

Pero o empresariado continúa negándose a falar das revisións salariais ano a ano conforme ao IPC real e do abono dos atrasos dende xaneiro, dúas liñas vermellas marcadas polos sindicatos para asinar o convenio. Nun contexto de empobrecemento da clase obreira a causa da elevada carestía da vida, Losada insiste en que as revisións salariais anuais ao IPC, como referencia para garantir o mantemento da capacidade adquisitiva, "son irrenuncíabeis, non podemos seguir a perder cartos".

Afirma que "a oferta que nos trasladaron hoxe parécenos totalmente insuficiente e por iso o próximo 10 de maio haberá folga no siderometal e no comercio do metal de toda a provincia de Lugo". Ademais, de non producírense avances na negociación, xa están convocadas dúas xornadas máis de folga para os días 23 e 25 de maio, sen descartar un paro indefinido se a patronal teima na súa postura.

Neste senso, CIG, CCOO e UGT fixeron un chamamento a todos os traballadores e as traballadoras do sector a secundar de xeito masivo a folga e a participar nas mobilizacións que se convoquen nesa xornada para darlle unha resposta contundente á patronal e amosarlle "que estamos en disposición de pelexar até conseguir un convenio digno, con salarios xustos e avances nos dereitos laborais".

Losada instou a seguir o exemplo do metal da Coruña e Ourense porque "o único xeito de obrigar a patronal a sentar na mesa e aceptar as nosas demandas é coa loita e a unidade de todos os traballadores e as traballadoras".

0.17396306991577