O sector gandeiro mobilizarase en Lugo contra as políticas europeas

LugoXa
O sector gandeiro de Lugo estase a organizar a través de grupos de WhatsApp para volver a mobilizarse cos seus tractores este martes e así sumarse ás protestas do sector agrario contra as políticas europeas que perxudican a súa actividade.
6 Feb 2024

O sector gandeiro de Lugo estase a organizar a través de grupos de WhatsApp para volver a mobilizarse cos seus tractores este martes e así sumarse ás protestas do sector agrario contra as políticas europeas que perxudican a súa actividade. Dende a asociación Agromuralla, que participará nas protestas, trasladan que aínda que non están de acordo con todo o que se está a propoñer, “estamos moi de acordo no fondo da manifestación", explica Roberto López, gandeiro lucense e voceiro da asociación.

Segundo o colectivo, a situación perxudica a distintos países de Europa dende fai máis dun ano, como aconteceu en Holanda, “con todos os agricultores e gandeiros na rúa, en Alemaña, en Lituania, en Bélxica, en Polonia, Polonia, Austria, Portugal e España non se pode quedar atrás, España ten que saír á rúa”, destaca López.

Segundo as súas palabras, estás mobilizacións deberíanse ter dado moito antes e responden a un problema do que non responsabiliza nin ao Goberno central nin ás distintas autonomías, senón ás normas da Unión Europea, “polo que temos que loitar contra elas, se non o facemos estaremos mortos a produción gandeira e agraria na Unión Europea desaparecerá”.

E vai máis aló: “Non é unha cuestión de prezos nin de axudas, que tamén son necesarias para certos sectores que o están pasando moi mal, é unha cuestión de respecto e dignidade, non podemos cumprir o que se nos está pedindo”. Asegura as novas medidas “acabarán coas pequenas explotacións” e pídenlle ao Ministerio que traslade as súas protestas. “Estanse cargando o campo español”.

0.12099313735962