O Seminario Menor de Lugo aceptará alumnas o vindeiro curso

LugoXa
O vindeiro curso, o Seminario Menor de Lugo e o de Santiago abrirán os seus centros educativos como colexios diocesanos de carácter privado
seminario menor lugo
4 Mar 2021

O Seminario Menor de Lugo, ao igual que o de Santiago, abrirá a partir do vindeiro curso 2021-2022 o seu centro educativo como colexio diocesano de carácter privado, o que se traducirá en que poderán contar non só con alumnos senón que tamén poderán acceder a cursar os seus estudos de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato aquelas alumnas que así o desexen.

A Diócese de Lugo emitiu un comunicado no que se incide nas "grandes transformacións" que nos últimos anos experimentou a sociedade, "especialmente no ámbito do ensino".  Como exemplo, aluden aos "constantes cambios lexislativos, ata a recente aprobación" da última norma educativa estatal, a coñecida como Lei Celáa, cuxa tramitación estivo marcada pola polémica co foco en cuestións, por exemplo, como a retirada de fondos públicos a centros que segregan por sexo.

"Todos percibimos a urxencia dunha aposta educativa renovada", recolle o comunicado. "O Papa Francisco, moi consciente dos desafíos que se presentan á educación nestes momentos, pediu expresamente a adhesión a un Pacto Educativo Global, a comprometerse con valentía para dar vida, nos nosos países de orixe, a un proxecto educativo, investindo as nosas mellores enerxías e iniciando procesos creativos e transformadores en colaboración coa sociedade civil", engade.

"Esta era xa a tradición da que proveñen os nosos seminarios en Galicia, tamén en Santiago e Lugo, e parécenos a nosa responsabilidade continuala hoxe en forma renovada e actual. Estamos convencidos de que a súa identidade católica e a súa traxectoria educativa é unha riqueza singular que debemos ofrecer nestas circunstancias á nosa sociedade", agrega o comunicado.

Por este motivo, a partir do vindeiro curso os centros de Santiago e Lugo abrirán como colexios diocesanos, de carácter privado, "a todos os alumnos e alumnas que, aceptando o ideario do centro, queiran realizar neles a formación de ESO e Bacharelato".

0.19865703582764