O servizo 010 modernízase con WhatsApp e reforza a súa utilidade cunha veciñanza cada vez máis activa

O servizo 010 do Concello de Lugo continúa a afianzarse como unha ferramenta útil e próxima para a cidadanía, adaptándose aos novos tempos con canles modernas como WhatsApp.
Durante os primeiros seis meses de 2025, esta nova vía de contacto sumou xa máis de 175 mensaxes, próximas ás 200 xestións tramitadas por esta aplicación. A veciñanza pode dirixirse ao servizo tanto mediante WhatsApp no número 618 345 010 como chamando ao 982 297 350.
A este novo recurso cómpre engadir os datos da atención tradicional: rexistráronse 26.400 chamadas no primeiro semestre do ano, das que 2.294 deron lugar á tramitación de avisos. Ademais, enviáronse 9.512 correos electrónicos como parte do seguimento destas xestións. Estes indicadores consolidan o 010 como unha referencia para a comunicación directa co Concello.
O servizo tamén reforzou a súa presenza dixital, superando os 5.700 seguidores en Facebook e acadando máis de 3.000 en Instagram, canles que permiten difundir información municipal e manter un contacto fluído coa veciñanza.
A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, destacou os avances do servizo, especialmente tras incorporar WhatsApp: “Esta ferramenta facilitou moito o intercambio de información entre a cidadanía e o Concello. Grazas ás fotos que nos envían, as incidencias son máis doadas de localizar e entender”.
A maior parte das mensaxes recibidas están relacionadas con reparacións de enxeñaría, problemas en parques e xardíns, iluminación pública, mobiliario urbano ou limpeza viaria. Tamén se responderon consultas sobre eventos culturais e a venda de entradas organizadas polo Concello.
Cristina López puxo en valor a implicación da cidadanía: “A colaboración veciñal está a ser extraordinaria. Lugo é unha cidade dinámica, e o 010 demostra que, coa participación de todas e todos, podemos seguir mellorando a cidade”.
Cando se cumpren 20 anos da súa posta en marcha, o 010 dá un novo paso na súa evolución como servizo esencial de atención directa, combinando innovación tecnolóxica e proximidade coas persoas.