O servizo de asistencia penitencia de Lugo atendeu a 150 internos

LugoXa | TerraChaXa
Este programa ofrece asesoramento gratuíto a internos dos centros penitenciarios de Monterroso e Bonxe
visita-tome-avogados-centro-penitenciario
16 Out 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este martes na sede do Colexio de Avogacía de Lugo o funcionamento do Servizo de Orientación e Asistencia Xurídica Penitenciaria (SOIAP) que está a desenvolver a entidade lucense desde o ano pasado e que conta coa colaboración da institución provincial. Trátase dun programa gratuíto que se realiza nos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso e dende a súa posta en marcha prestou asesoramento a preto de 150 internos e internas. Nesta visita o mandatario provincial estivo acompañado polo Decano do Colexio de Avogados de Lugo, Félix Mondelo Santos, a Xerente da entidade, Mercedes Alvite Menor e os técnicos do SOIAP, Inmaculada Mourín González e Óscar Núñez Torrón.

José Tomé Roca subliñou que “na Deputación de Lugo estamos plenamente comprometidos con manter e asegurar os dereitos de todas as persoas e especialmente as máis vulnerables, como é o caso da poboación reclusa, un colectivo, que en moitas ocasións, tamén sofre de estigmas sociais”. “Por iso, desde a institución provincial colaboramos directamente co Colexio de Avogados de Lugo cunha achega económica de 12.000 euros para desenvolver este proxecto que xa atendeu a máis dun cento de internos e internas desde a súa posta en marcha”, indicou.

Este servizo trata de garantir os dereitos dos internos asesorándoos en cuestións relacionadas co eido xurídico que afecten directamente ao seu ámbito persoal e laboral. O obxectivo principal é lograr a plena reinserción social e laboral unha vez cumpran coa súa condena.

Neste encontro, o presidente tamén comprobou, de primeira man, o funcionamento do programa, que atende ás persoas usuarias de forma presencial e telemática, coa simulación dunha videochamada co cárcere de Monterroso.

Así mesmo, os letrados e letradas que dirixen o SOAIP deben realizar unha formación obrigatoria específica co fin de garantir a calidade deste servizo. Ademais, o Colexio de Avogados de Lugo tamén organiza e coordina as peticións cos centros penitenciarios, atende as consultas xurídicas dos internos e colabora directamente co avogado particular ou de oficio que os usuarios teñan designado, posto que moitos deles non poden asumir o custe dun avogado especialista en dereito penitenciario.

0.11878204345703