O Servizo de Axuda no Fogar de Antas de Ulla recibirá un recoñecemento este mércores
O mércores 22 de decembro o Concello de Antas de Ulla fará a entrega da Medalla de Ouro do Municipio ao Servizo de Axuda no Fogar. Esta conmemoración débese ao traballo realizado durante a pandemia.
Desta forma estase a recoñecer o labor das traballadoras durante esta época complicada que se está a vivir, unha distinción que se estende tamén a todas aquelas persoas que formaron parte do servizo municipal de Axuda no Fogar desde a súa entrada en funcionamento, hai máis de 25 anos.
Ademais de facer entrega da Medalla de Ouro do Municipio, as traballadoras recibirán un diploma e un obsequio institucional.
PROXECTO DOCUMENTAL
A gala será tamén o estreo do documental ‘Axuda no Fogar’ no que as traballadoras e os usuarios do Servizo de Axuda no Fogar de Antas de Ulla contan a súa experiencia durante a pandemia e o seu día a día. Un traballo audiovisual co que o Concello de Antas de Ulla pretende “que se coñeza un pouco máis o importantísimo labor que levan a cabo estas mulleres e o moito que se lles estima”, resume o rexedor, Javier Varela.
O acto será na praza nova ás 13:30 horas e está aberto a quen queira asistir.