O Servizo de Axuda no Fogar de Lugo contará cun maior investimento neste 2022
O Servizo de Axuda no Fogar de Lugo terá un maior investimento, será de 4,3 millóns de euros, incrementado o número de horas de prestación do servizo nun 20%. Esta medida será aprobada na Xunta de Goberno Local, coa que se busca dar resposta á elevada demanda deste servizo, incrementada dende o inicio da pandemia.
Deste xeito, das 211.617 horas anuais do contrato actual, o Concello pasará a prestar 253.940 horas anuais, incrementándose na mesma proporción do 20% a consignación orzamentaria, pasando dos 3.644.495 euros/ano actuais a 4.373.394 euros/ano.
No ano 2021, atendéronse un total de 948 persoas a través da Axuda no Fogar; unha prestación coa que se da cobertura asistencial á poboación máis vulnerable e con maiores necesidades. Deste total, 431 usuarios accederon ao SAF pola convocatoria de libre concorrencia e 517 por ter recoñecida a situación de dependencia.
O SAF ten por obxecto prestar atención ás persoas ou familias no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, para facilitar o seu desenvolvemento persoal e a permanencia no seu medio habitual, especialmente naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía ou noutras situacións de risco social para as cales resulte un recurso idóneo
Así, entre as súas funcións está o permitir a mellora a calidade de vida das persoas usuarias, favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio, manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social e previr situacións de dependencia ou exclusión social.
O horario de prestación do servizo ordinario é de luns a sábado en horario de 7.00 a 22.00 horas, sempre que sexan laborais; e en servizo extraordinario, de 22.00 a 7.00 horas de luns a sábado, os domingos e os festivos as 24 horas. A súa duración nunca é inferior a 30 minutos por xornada e préstase nun máximo de 3 franxas horarias, respectando, sempre que é posible, a vontade da persoa beneficiaria.