O servizo de Orientación Laboral da CEL atendeu este ano preto de 1.400 entrevistas ocupacionais

LugoXa
Nos últimos meses deste ano, e en colaboración coa ONG Rescate, a CEL comezou a prestar servizo de orientación laboral a migrantes dalgún dos centros temporais habilitados na provincia
Orientacion-Laboral-CEL
21 Dec 2024

O servizo de Orientación Laboral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) leva atendidas xa preto de 1.400 entrevistas ocupacionais no que vai de ano.

"Unha cifra moi semellante á de exercicios anteriores, e que nos achega a un total de preto de 6.500 servizos de asesoramento en materia de orientación laboral e autoemprego prestados pola CEL durante o último lustro", explican desde a entidade.

Ademais, nos últimos meses deste ano, e en colaboración coa ONG Rescate, a CEL comezou a prestar servizo de orientación laboral a migrantes dalgún dos centros temporais habilitados na provincia, con carácter diferenciado e grupal polas especiais circunstancias e dificultades (de idioma, acreditación de formación ou experiencia, situación administrativa, etcétera) na que se atopan.

Respecto ao perfil de usuarios deste servizo da CEL, as cifras estatísticas dos últimos anos reflicten unha case paridade total de xénero, pois aproximadamente un 48 % das persoas atendidas son homes, e un 52 % mulleres, o que supón un cambio respecto dos primeiros anos de funcionamento do servizo, nos que máis dun 60 % dos usuarios eran mulleres.

"O que si existe é unha maior fenda porcentual entre aqueles demandantes usuarios do servizo que reciben unha prestación dos Servizos Públicos de Emprego fronte aos que non, sendo non perceptores preto dun 70 % das persoas atendidas", sosteñen.

Por outra banda, a franxa de idade na que máis concentran os demandantes de emprego atendidos pola CEL sitúase entre os 45 e os 65 anos, seguida polos de 31 a 45 anos.

Un servizo de axuda continua

Respecto ao servizo concreto que ofrecen os técnicos de orientación laboral da CEL, trátase de entrevistas personalizadas a partir das que se proporciona un proceso de axuda de carácter continuo para o desenvolvemento das competencias persoais, sociais e laborais.

"Non se trata, por tanto, de accións illadas, se non de diferentes actuacións dirixidas a lograr a efectiva inserción laboral das persoas atendidas", detallan.

Así, facilítase desde asesoramento básico para a confección dun currículo vitae, a información sobre ETTs en Lugo ou formación específica de interese para o perfil de usuario, acceso a formación regulada ou tutelaje en materia de autoemprego, no caso de persoas que se dirixen aos técnicos cunha idea empresarial xa definida.

0.18042993545532