O Servizo de Orientación Laboral do Concello atendeu a 85 persoas no primeiro trimestre

O Servizo de Orientación Laboral do Concello de Lugo atendeu a 85 persoas desempregadas durante o primeiro trimestre de 2025, ofrecendo orientación e apoio para a mellora da súa empregabilidade. Este servizo, situado no CEI Nodus e integrado en Espazo Lab, dependente da Concellería de Dinamización Económica, continúa a consolidarse como un recurso fundamental para a inserción laboral no municipio.
Desde a reactivación do servizo en 2019, prestouse atención a preto de 3.200 persoas, proporcionando entrevistas e itinerarios personalizados de inserción. No período de xaneiro a marzo de 2025, realizáronse 156 entrevistas, distribuíndose os usuarios do seguinte xeito: 47% mulleres e 53% homes, sendo o 38% menores de 35 anos e o 62% maiores desa idade.
Ademais, como novidade neste período, incorporouse a ferramenta de Intelixencia Artificial EMI, que facilita os procesos de orientación laboral mediante a definición de perfís competenciais. A implementación desta tecnoloxía permitiu optimizar a identificación de oportunidades de emprego axeitadas para os demandantes, ademais de mellorar a eficiencia do traballo dos orientadores, que recibiron formación específica impartida pola administración autonómica.
O Servizo de Orientación Laboral do Concello continúa desenvolvendo accións encamiñadas á mellora da empregabilidade dos usuarios, proporcionando información actualizada sobre as tendencias do mercado laboral, oportunidades de formación e programas de capacitación. Este servizo ocúpase tamén da xestión do portal da Axencia de Colocación do Concello, a cal segue sendo un punto de referencia para a intermediación laboral, conectando empresas con persoas demandantes de emprego.
A día de hoxe, o portal conta con 87 empresas rexistradas, 885 demandantes de emprego inscritos e 136 ofertas. Así mesmo, a páxina de Facebook Orientación Laboral Concello de Lugo acadou os 8.303 seguidores, consolidándose como un espazo de difusión de información sobre emprego e formación.
O Concello de Lugo reafirma deste xeito o seu compromiso co desenvolvemento de políticas activas de emprego e coa mellora da empregabilidade da cidadanía, apostando por ferramentas innovadoras e servizos de orientación personalizados que contribúan á inserción laboral dos lucenses.