O servizo municipal 010 celebra 20 anos ao servizo da veciñanza de Lugo

LugoXa
O Goberno local anuncia melloras para optimizar a atención cidadá e reforzar a calidade do servizo
servizo-010-Concello-de-Lugo
17 Mar 2025

O Servizo de Información Municipal 010 do Concello de Lugo cumpre 20 anos desde a súa posta en funcionamento, consolidándose como unha ferramenta esencial de comunicación entre a administración local e a veciñanza. Con motivo deste aniversario, o Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, realizaron unha visita ás instalacións do servizo.

Durante a visita, Cristina López destacou a importancia do 010, que definiu como “unha peza clave na comunicación entre o Concello e as e os lucenses”. A edil anunciou ademais que “estamos traballando para poñer en marcha unha serie de melloras neste servizo que simplifiquen a atención a todas as persoas que chamen ao 010”, co obxectivo de optimizar a experiencia do usuario e garantir unha atención máis fluída e eficiente.

López puxo tamén en valor o esforzo realizado polo Goberno de Lugo no pasado mandato para municipalizar este servizo, permitindo que a atención sexa prestada por traballadoras municipais. “Unha medida moi importante que nos permitiu garantir a calidade do servizo ofrecido”, subliñou.

O servizo 010 ofrece información sobre trámites municipais, actividades e eventos, e permite tamén realizar xestións como a solicitude de cita previa para distintos servizos municipais, entre eles: Augas, Cemiterio, Estatística, Información ao Consumidor, Rexistro, Tarxeta Cidadá e Tesourería.

A concelleira de Participación sinalou que “este servizo é a ferramenta máis importante do Concello para abrir as instalacións municipais á veciñanza”. As persoas usuarias poden contactar co 010 a través do número 982 297 350, eliminando así os custos asociados ás chamadas a números especiais.

O Concello continúa así a traballar por unha administración máis accesible, próxima e eficiente, reforzando os mecanismos de atención e comunicación coa cidadanía lucense.

⚙ Configurar cookies
0.1794011592865