O servizo municipal de limpeza de Lugo resolveu 965 incidencias e peticións cidadás no 2023
O servizo municipal de limpeza e recollida de residuos Luce Lugo resolveu un total de 965 incidencias e peticións da cidadanía lucense ao longo do 2023. Así o avanzou o concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, quen fixo balance das actuacións levadas a cabo durante o pasado ano pola empresa concesionaria do servizo a demanda da veciñanza.
Neste senso, Miguel Fernández, explicou que “a maior parte das peticións atendidas –o 26,3 %– estiveron relacionadas coa recollida de enseres, como mobles ou utensilios domésticos; seguidas daquelas demandas de labores de limpeza viaria –o 22,1 %–; e de recollida de residuos sólidos urbanos, como cartón, papel, madeira e en xeral materiais inorgánicos como vidro, plástico e metais, que supuxeron o 8,1 % do total”.
Estes datos constatan “a calidade do servizo que se está prestando á cidadanía. Trátase de case 1.000 trámites atendidos e resoltos. Unha media de tres incidencias solucionadas ao día. Consideramos que a comunicación directa coa veciñanza é unha ferramenta fundamental para optimizar os labores de limpeza na nosa cidade”.
O obxectivo é que a través dunha maior interacción por parte da cidadanía se alcance unhas maiores cotas de eficiencia e “chegar á excelencia na calidade do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria para incrementar a calidade de vida dos veciños e veciñas, conservar o noso medio ambiente, reciclar e contribuír a un mellor ornato público” sinalou o edil de Transición Ecolóxica.
Resposta áxil
Así, o concelleiro destacou o esforzo do Concello “para atender e dar resposta ás solicitudes que nos remiten os veciños e veciñas dunha forma áxil e eficiente” e puxo en valor o servizo Luce Lugo que “respondeu con prontitude a case un milleiro de incidencias e demandas desenvolvendo un labor fundamental para preservar a hixiene e a seguridade nas rúas da nosa cidade, mellorando o benestar da cidadanía e a imaxe de Lugo”.
Por outra banda, Fernández explicou que do total de incidencias atendidas, o 87,9 % foron trasladadas pola cidadanía por vía telefónica mediante o número de teléfono gratuíto – 900.90.96.71– que os e as lucenses poden empregar para trasladar todas as incidencias que estimen oportuno; e o 12,1% restante de xeito presencial, a través da oficina de atención cidadá que o Concello habilitou na rúa Clérigos para canalizar as demandas en materia de limpeza viaria e recollida de lixo. Esta oficina atópase operativa de luns a venres, en horario de 09.00 a 13.30 e de 15.30 a 18.15 horas. Ademais, destas dúas vías os cidadáns tamén poden trasladar as súas peticións a través da app ‘BitPayt, Lugo Verde nas Túas Mans’, das oficinas municipais, e do teléfono de atención cidadá 010.