O servizo municipal de Parques e Xardíns de Lugo "é fundamental para os espazos verdes da cidade"

O Concello de Lugo pon en valor o servizo municipal de Parques e Xardíns de Lugo, que se encarga do mantemento de máis de 1.400.000 metros cadrados de zonas verdes, parques e xardíns distribuídos por toda a cidade, aos que se suman 34,5 quilómetros de rutas de sendeirismo.
Cada semana, os equipos de mantemento interveñen en preto de 60 espazos diferentes realizando labores de conservación, saneamento vexetal, poda, corte e perfilado de céspede, limpeza de zonas axardinadas, revisión do sistema de rego e coidado de elementos ornamentais.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que este servizo é fundamental para manter en óptimas condicións os espazos verdes da cidade, mellorando a calidade de vida, atraendo visitantes e contribuíndo á protección ambiental.
Concretamente, Fernández supervisou os traballos no skate park das Termas e na Avenida de Breogán, como parte da súa rolda semanal de visitas para comprobar de primeira man o avance dos traballos e o estado das zonas verdes.
Durante esta semana, realizáronse intervencións en espazos representativos como a Praza Maior, Bispo Aguirre, o miradoiro da Volta da Viña ou o barrio da Ponte. Tamén se actuou nos catro canís da cidade (Muralla, Aceña de Olga, Serra de Ancares e Frigsa), así como en barrios como Abella, A Piringalla, Garabolos ou Sagrado Corazón.
Fernández subliñou que se trata dun esforzo constante que chega a todos os barrios e require unha planificación continua e unha atención rigorosa. Ademais, adiantou que o servizo municipal ampliará en breve o seu ámbito de intervención con 35.000 metros cadrados adicionais correspondentes a novas zonas verdes recentemente creadas na cidade, como as de Gallego Tato, a Praza de Alacante, o Parque da Lembranza ou a ampliación da zona axardinada de A Mosqueira.
"Este compromiso co coidado dos espazos verdes urbanos é clave para construír unha cidade máis sostible, máis habitable e máis acolledora tanto para os veciños como para os visitantes", concluíu o alcalde.