O silo de fundentes de Navia de Suarna está a ser renovado pola Deputación

A actuación, cun investimento de 40.000 euros, permitirá reforzar a capacidade de resposta ante neve e xeo e manter a mobilidade segura na estrada LU-P-3501
Substitución-do-silo-en-Navia-de-Suarna
25 Sep 2025

A Deputación de Lugo iniciou os traballos de renovación do silo de almacenamento de fundentes situado no punto quilométrico 1,40 da estrada provincial LU-P-3501, que conecta Navia de Suarna co Alto do Restelo por Paradela. O obxectivo principal é garantir a seguridade viaria durante a campaña de inverno, tras detectarse gretas no depósito e danos na estrutura metálica derivados do paso do tempo.

A empresa Equipos Invernales SL está a executar a obra, cun prazo de catro meses e un investimento próximo aos 40.000 euros. Nestes momentos, realizase a desmontaxe e retirada do depósito e da estrutura existente, para instalar posteriormente unha nova estrutura metálica reforzada, un depósito troncocónico de aceiro inoxidable e un novo depósito de poliéster reforzado con fibra de vidro, aproveitando a cimentación actual que se atopa en bo estado.

A Deputación dispón de varios silos deste tipo repartidos pola rede viaria, todos con capacidade para 35 toneladas de cloruro sódico, fundamentais para almacenar e verter directamente o fundente sobre os camións de conservación. Esta renovación permitirá contar con instalacións modernas e seguras, reforzando a resposta ante episodios de neve e xeo e garantindo a mobilidade da veciñanza en condicións meteorolóxicas adversas.

Actualmente, os depósitos de sal atópanse en Ourol, O Valadouro, Riotorto, Lugo, Becerreá, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, A Fonsagrada e Ribas de Sil, sumando un total de 420 toneladas dispoñibles para atender as necesidades dos concellos fronte ás inclemencias do tempo.

A través do Plan de Vialidade Invernal, a Deputación cubre os 4.217 quilómetros da rede viaria provincial e establece un protocolo de actuación para os 67 concellos da provincia, facilitando a colaboración entre administracións e poñendo a disposición recursos humanos, técnicos e sal de mina para facer fronte ás emerxencias nas estradas municipais, especialmente nas zonas de maior altitude.

⚙ Configurar cookies
0.11734795570374