O Sindicato Labrego alerta de que o 25 % da superficie das Reservas da Biosfera é para polígonos industriais

TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) presenta alegacións complementarias aos Plans de xestión das Reservas da Biosfera (RB) de Terras do Miño e dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.
24 Abr 2024

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) presenta alegacións complementarias aos Plans de xestión das Reservas da Biosfera (RB) de Terras do Miño e dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Nestas achegas complementarias, reiteran que é necesario proceder á valoración de impacto de diversos proxectos sectoriais integrados ou que eventualmente poidan integrarse no territorio. “Referímonos concretamente a proxectos industriais en tramitación, como polígonos industriais eólicos, fotovoltaicos ou explotacións mineiras, avaliando a ameaza real que estes supoñen ou poden supoñer para estes territorios protexidos”.

De feito, nesta mesma liña, a principios de abril solicitaron informes e presentación de alegacións ás Reservas da Biosfera afectadas pola macrofábrica de celulosa de ALTRI e Greenalia. “Nos últimos anos temos detectado, non só as organizacións agrarias e ambientais senón tamén por parte do servizo de Medio Ambiente da Deputación mediante os informes e alegacións presentadas a varios proxectos, importantes amezas de proxectos industriais”, expón a vogal nos órganos de participación das devanditas Reservas da Biosfera, Margarida Prieto Ledo.

Moitos deles eólicos, parques fotovoltaicos, explotacións mineiras e agora ultimamente mesmo unha macrocelulosa, “isto é unha realidade constatable á que non podemos dar as costas”. Entenden que non se pode tentar potenciar actividades económicas compatibles cos valores da Reserva e “pechar os ollos ante a invasión de proxectos industrias que ameazan o rural destes propios espazos protexidos”.

Atendendo aos datos do o Informe Macroeólicos Galicia, realizado por organizacións sociais e entidades veciñais, no 2022 “xa co proxectado daquela 1.942 aeroxeradores quedarían dentro de Reservas da Biosfera e o 25,68 % da superficie das Reservas da Biosfera de Galicia quedaría dentro de poligonais industriais, afectando unha superficie de 132.825,86 hectáreas. “Está claro que de seguir así o risco de que nos retiren a categoría Reservas da Biosfera é manifesto”, advirte Margarida Prieto.

Consideran que “igual que é importante inventariar plantas invasoras e acometer plans para a súa erradicación no espazo da reserva, debemos facer unha aposta por inventariar, monotorizar e valorar na súa xusta medida a ameaza que estes proxectos industriais van supoñer no futuro para a conservación dos valores ambientais, e socieconómicos a protexer”, conclúe.

0.1904149055481