O Sindicato Labrego Galego convoca ao sector agrario de Galicia para mobilizarse en Lugo

LugoXa
A convocatoria incluirá unha asemblea o mércores 12 no Edificio Sindical e unha concentración fronte á sede da Xunta de Galicia en Lugo
tractorada-lugo-gandeiros13
11 Feb 2025

O Sindicato Labrego Galego (SLG) convoca ao sector agrario de Galicia a mobilizarse en Lugo en protesta pola masiva denegación de plans de mellora e axudas á incorporación de novos agricultores.

A convocatoria incluirá unha asemblea ás 11:30 horas do mércores 12 de febreiro, no Edificio Sindical, e unha concentración fronte á sede da Xunta de Galicia en Lugo ás 13:00 horas.

O malestar do sector é evidente tras coñecer que 434 expedientes de plans de mellora foron rexeitados fronte a só 180 aprobados. Historicamente, estas axudas eran concedidas sen maiores trabas aos mozos que se incorporaban ao sector, pero nos últimos dous anos a situación mudou drasticamente. A falta de orzamentos axeitados pon en risco a viabilidade de centos de granxas e a economía de miles de familias dedicadas á produción de alimentos.

O SLG denunciou a falta de resposta por parte da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, quen non atendeu as peticións do sindicato para dotar destes fondos as axudas necesarias. Ademais, alértase de que o 70 % dos titulares de explotacións agrarias xubilarase nos próximos anos, e as novas incorporacións apenas cubrirán un 5 % destas baixas, o que agrava a crise do sector primario.

O sindicato considera que a Xunta de Galicia non pode permitirse excluír a centos de persoas que cumpren os requisitos para estas axudas, xa que o seu traballo é esencial para garantir a produción de alimentos de proximidade. Por iso, esixen un aumento do orzamento para resolver a convocatoria actual e unha planificación xusta e con fondos suficientes para o ano 2025.

A asemblea e a concentración do día 12 serán un punto de inflexión para o sector, que busca facer oír a súa voz ante a administración e reclamar medidas urxentes para garantir a sustentabilidade da actividade agraria en Galicia.

0.17518305778503