O SLG afirma que o TSXG confirma "a discriminación" da maioría de granxas nas axudas covid da Xunta

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O SLG anuncia que o TSXG confirma a discriminación da maioría de granxas de carnenas axudas COVID-19 da Xunta de Galicia
brais alvarez isabel vilalba slg
29 Apr 2022

A gandeira e secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba Seivane, e o coordinador do Sector Vacún de Carne no SLG-CCLL Brais Álvarez López, trasladaron as claves do fallo xudicial contra a Xunta de Galicia que anula a discriminación das granxas de menos de 10 vacas nutrices coa que a Consellaría do Medio Rural bloqueou o acceso de 10.284 granxas galegas -máis da metade das que hai en activo- ás Axudas Temporais e Excepcionais aos Sectores Agrarios máis Desfavorecidos pola Incidencia da Crise da COVID-19.

Dende o Sindicato Labrego Galego solicitan a subsanación urxente desta irregularidade, e salientamos o feito de que, no noso país, as axudas só foron percibidas por 4.621 granxas das case 19.000 que poderían ter sido beneficiarias. Indican que a nivel de Ternera Gallega, por exemplo, quedaron fóra aproximadamente a metade das granxas inscritas. "Fica claro, e agora tamén dende o punto de vista da xustiza, que a Xunta de Galicia, malia a contar con orzamento europeo e sendo unha das liñas de traballo da Unión Europea o fomento das pequenas e medianas granxas, instrumentalizou estes fondos para favorecer grandes explotacións", din.

"Ademais, como indicamos xa no momento de elaboración da Orde, os 12 millóns de euros activados -para vacún de carne e flor-, constituían unha cuantía totalmente insuficiente. Segundo unha estimación realizada polos servizos técnicos do SLG-CCLL, sería necesario, como mínimo, un orzamento ao redor dos 25 millóns de euros só para poder cubrir unha axuda que chegase a todas as granxas do sector do vacún de carne", engaden.

“A Consellaría do Medio Rural sabe perfectamente que no noso país a maioría das explotacións de carne teñen 10 ou menos vacas nutrices. Na reunión previa á aprobación desta orde, na que o SLG estivo presente, advertimos da aberración de establecer unha axuda pública que de xeito expreso, e nunha situación de máxima complexidade e quebra de proxectos económicos, abandonaba as pequenas explotacións, precisamente as que máis contribúen a vertebrar o medio rural”, explicou Isabel Vilalba. “Nas alegacións presentadas á Orde tamén lle recordamos á Xunta de Galicia que esta discriminación afectaba directamente ás mulleres, xa que do total de 22.677 granxas de vacún de carne que hai no noso país, un 49,60% están baixo a titularidade de gandeiras -11.247 explotacións-, sendo maioría fronte ao 46,63% que contan con homes como titulares -o 3,77% restante ten como titular unha persoa xurídica-. A exclusión discriminatoria operada pola Xunta é bo exemplo da falta de sensibilidade e coñecemento das áreas rurais do noso país: en moitas ocasións as mulleres titulares destas granxas realizan aportes sociais esenciais, como a atención ás persoas que precisan coidados. Neste sentido demandamos a realización de estudos que permitan a aplicación da perspectiva de xénero nesta e en tódalas medidas desta índole activadas pola Administración pública”.

“O requisito que discriminaba ás granxas de menos de 10 vacas é un requisito eminentemente político, unha estratexia para privilexiar, instrumentalizando o erario público, o modelo de produción agroindustrial defendido a ultranza polo Partido Popular na Galiza e no Estado, como tantas veces ten alabado o conselleiro José González Vázquez”, abondou o Coordenador do Sector Vacún de Carne no SLG-CCLL, Brais Álvarez. “De feito, o argumento da Consellaría para deixar fóra das axudas ás granxas con menos de 10 vacas nutrices foi dubidar da súa viabilidade, malia seren explotacións profesionais que cotizan á Seguridade Social, crean emprego na unidade familiar e se axustan perfectamente ao modelo de explotación tradicional maioritario que temos no noso país”.

“Esta sentenza do Tribunal Superior de Xustiza (TSXG), que dá a razón ao SLG, é motivo de ledicia, porque vai permitir subsanar unha inxustiza. Pero tamén é motivo de indignación e tristeza, porque é unha confirmación máis de que padecemos unha Administración pública orientada totalmente cara un modelo industrial, á que non lle interesan as pequenas explotacións, que son as que realmente axudan a manter un medio rural vivo”, concluíu Brais Álvarez.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18658900260925