O SLG habilita os seus locais en toda Galicia como punto de entrega de alegacións contra Altri

LugoXa
Francisco Conde: “Con Feijóo como presidente do Goberno o futuro de Altri xa estaría garantido en Palas de Rei ”
slg altri alegacions
25 Mar 2024

Logo da campaña de alegacións desenvolvida nos últimos meses fronte á captación industrial de auga solicitada pola macrofábrica de celulosa ALTRI para a súa instalación en Palas de Rei (Lugo), da que dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a Plataforma Ulloa Viva e outras organizacións sociais dimos conta en rolda de prensa o pasado 15 de marzo, atopámonos agora até o 17 de abril -data coincidinte co Día Internacional da Loita Labrega convocado polo movemento global La Vía Campesina, do cal formamos parte- en período de alegacións ao proxecto no seu conxunto.

Dende o Sindicato Labrego Galego poñemos a disposición da cidadanía modelos de alegación elaborados pola Plataforma Ulloa Viva e outras organizacións sociais e ecoloxistas. Estas poden ser presentadas a través dos rexistros ordinarios da Xunta e Concellos -en calquera, inda que a persoa non estea empadroada ou non sexa un concello afectado de xeito directo-, así como pola Sede Electrónica da Xunta de Galicia. As alegacións poden ser rexistradas tamén en nome doutra persoa.

A través das mesmas solicítase á Consellaría de Economía, Industria e Innovación unha declaración negativa, a non autorización ambiental integrada (AAI), rexeitar o estudo de impacto ambiental (EIA), a non declaración de utilidade pública e rexeitar o proxecto para a implementación desta industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas, promovido por Greenfiber, S.L.

A fin de facilitar a participación da cidadanía, entre a que a preocupación por mor da posibilidade de instalación desta macroindustria é cada vez máis patente, até o VENRES 12 DE ABRIL dende o Sindicato Labrego Galego facilitamos como punto de entrega de alegacións os nosos locais nos concellos de Arzúa, Melide, Compostela, Santa Comba, Ordes, Betanzos, Teixeiro, Moeche, Valdeorras, Ribadavia, Xinzo, Lugo, Sarria, Chantada, A Fonsagrada, As Nogais, Ribadeo, Lourenzá, Vilalba, Meira, A Estrada, Lalín, Ponteareas, O Rosal, Crecente e O Salnés.

O Sindicato Labrego Galego tamén elaborou un mapa detallado da área de afección que tería esta macrocelulosa, dez veces maior que a problemática fábrica de ENCE en Pontevedra, e que pode ser consultado neste enlace https://n9.cl/mapaaltri , difundido tamén a través das nosas redes sociais e páxina web.

Asemade, a fin de abarcar con maior exactitude os impactos que esta descomunal factoría de 366 hectáreas de extensión tería na produción de alimentos dos concellos directa e indirectamente afectados, a Responsábel da Loita contra o Acaparamento de Terras no SLG-CCLL, Margarida Prieto Ledo, solicitou o pasado xoves 21 á Consellaría do Medio Rural información sobre o número e orientación produtiva das explotacións agrogandeiras existentes en Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Friol, Guitiriz, Portomarín e Guntín -na provincia de Lugo-; Melide, Arzúa, Santiso, Toques, Sobrado, Touro, Teixeiro, Boimorto, O Pino, Ponte Carreira, e Vilasantar -na provincia da Coruña- e A Golada, Vila de Cruces, Lalín, Dozón, Rodeiro e Silleda -na provincia de Pontevedra-.

Como xa denunciamos, é fortísimo o impacto que industrias coma esta teñen en cuestións esenciais para a produción de alimentos, como son a dispoñibilidade de terra agraria -neste momento xa só contamos cun 21% de terras agrarias na Galiza-, escaseza de auga ou o aumento do risco de incendios forestais vinculada á intensificación do monocultivo dunha especie pirófila como é o eucalipto, ca perigosidade que iso implica para as persoas que vivimos no medio rural.

Ademais, veríanse minadas a reputación de importantes denominacións de orixe galegas, como por exemplo a DO Queixo Arzúa Ulloa -a segunda en produción a nivel de todo o Estado, superando os 4 millóns de quilos- ou Ternera Gallega, con forte implantación ambas na comarca, ao tempo que poría moi en entredito a viabilidade das producións ecolóxicas da contorna.

Os prexuízos que a construción desta xigantesca fábrica de celulosa tería na comarca da Ulloa, así como en toda a área da Ría de Arousa, impactarían de xeito directo noutros sectores produtivos como o marisqueo, a pesca ou o turismo -con sensible impacto no Camiño de Santiago-, ao tempo que degradaría a calidade de vida do día a día da poboación residente nun radio de máis de 30km.

De ser construída, a empresa promotora, Greenfiber SL, aproveitaríase de 500 millóns de cartos públicos de fondos europeos para impór contra a vontade da poboación unha macrofábrica que consumiría 46 millóns de litros de auga/día, a cambio do cal vertería dirariamente 30 millóns de litros de auga contaminada con substancias químicas e tóxicas, degradando a calidade de augas do río Ulla. Este acaparamento de recursos hídricos implicaría tamén que, en períodos estivais de seca, coincidentes cos de maior poboación na contorna afectada, deixaría sen auga os concellos que se fornecen do río Ulla (Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Padrón, Dodro, Catoira, Valga, Pontecesures, Vilagarcía e Teo), afectando a 200.000 persoas.

Dende o Sindicato labrego temos claro, como tivemos sempre dende fai 50 anos, que a defensa da terra pasa por impedir que se leven adiante este de este tipo de proxectos e preservar a nosa base territorial para a produción de alimentos para a cidadanía, dotando as nosas granxas de base territorial suficiente para ter un modelo agroecolóxico e acadar a soberanía alimentaria. A MACRO CELULOSA DE ALTRI ÍMOLA PARAR. Sabemos que cando a cidadanía se activa, informa e loita organizada, somos capaces de parar estes monstruos que ameazan con destruír o noso territorio, as loitas contra as minas de Corcoesto, Touro ou a Terra Chá, así como a batalla que estamos a dar contra a invasión eólica son boa mostra desta nosa forza.

0.20770716667175