O SLG mobilizouse en Lugo en protesta pola denegación masiva de axudas a granxas

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) organizou en Lugo unha concentración diante da delegación da Xunta de Galicia para esixir un aumento do orzamento para as axudas de incorporación e mellora do sector agropecuario.
A mobilización chega despois de que a Consellería de Medio Rural denegase unha gran parte das solicitudes de axudas, deixando fóra ao 74 % das granxas que solicitaron plans de mellora.
O SLG denuncia que o orzamento para 2024-2027 é insuficiente, e alerta de que o 70% das persoas titulares de granxas se xubilarán nos próximos anos, mentres que só se espera que se cubra un 5 % dos abandonos.
Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do SLG, cuestiona a escasa dotación económica e critica a falta de apoio ás persoas novas que queren incorporarse ao sector.
Diante desta situación, o SLG solicitou unha serie de medidas urxentes, como a convocatoria inmediata das axudas para 2025, a dotación de fondos suficientes para garantir que ningunha granxa quede fóra das axudas, e cambios nos criterios de concesión para garantir a igualdade de oportunidades. Ademais, exixe a creación dun comité de seguimento para mellorar a transparencia na xestión das axudas.
A organización sindical advertiu que, se non se corrixen estas deficiencias, a situación pode desincentivar a incorporación de novas persoas ao sector agrícola e pecuario.