O socialista Antonio Gato prioriza á recuperación de servizos para Monterroso
O alcaldable transmitiu á veciñanza “esperanza e ilusión no cambio que se ten que producir o 28-M para parar un vehículo que vai costa abaixo e marcha atrás”, como é o Concello en mans da actual alcaldesa.
O candidato socialista á Alcaldía de Monterroso e ex rexedor da localidade, Antonio Gato, transmitiu nun encontro celebrado este luns na Cúpula “esperanza e ilusión no cambio que se ten que producir o 28-M para parar un vehículo que vai costa abaixo e marcha atrás”, como é o Concello en mans da actual Alcaldesa.
Ante a presenza de ducias de persoas e coa intervención do Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, presidente da Deputación e alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e do delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, o alcaldable subliñou que priorizará á fronte do Executivo local “dende o principio un programa de actuación que axude a recuperar servizos que foron abandonados, cerrados, en definitiva, perdidos”.
Así mesmo, “temos que volver a poñer a Monterroso no mapa, que volva a capitalizar, a liderar, o desenvolvemento económico da comarca, que contribúa a ese progreso e, ó mesmo tempo, que sexa un pobo activo e que pense no seu futuro”.
Nesta liña, o secretario Xeral dos socialistas incidiu “na vontade demostrada” do candidato e ex Alcalde “de servir sempre ós veciños da mellor maneira posible e de traballar polo interese xeral, para toda a xente. Onde uns andan ás comenencias, Gato pon proxecto para todos. Onte outros buscan líos e división, Antonio Gato pon diálogo e vontade de acordo”.
“O mellor para Monterroso”
O candidato do PSdeG “é a mellor opción para Monterroso, e xa o ten demostrado”, pois, destacou José Tomé, “durante os seus 16 anos de Alcalde, esta vila coñeceu unha etapa de progreso, de impulso, de ilusión, de prosperidade e de traballo continuo por mellorar a vida dos veciños”.
Por iso, defendeu, Gato ten a capacidade de “sacar a Monterroso da etapa de desidia, esperpento, parón e ata de graves irregularidades” que está a vivir, liderando “un Goberno serio e responsable, con ideas e que traballe para todos, para que o concello recupere a súa puxanza, que aproveite o seu potencial como cabeceira de comarca, e para impulsar os servizos públicos, a promoción económica e o apoio ó rural”. “Temos que saír da política pequena e volver á política con maiúsculas, a que lle cambia a vida á xente, como a que fai Antonio Gato”, destacou.