O Son d’Aldea celebra a súa décimo cuarta edición en Palas de Rei os días 5 e 6 de setembro

O parladoiro de Alba acolleu a presentación da décimo cuarta edición do Son d’aldea, un evento cultural que se celebrará os días 5 e 6 de setembro en San Miguel de Coence, en Palas de Rei.
No acto participaron integrantes da renovada Xunta directiva do colectivo organizador, representantes de asociacións colaboradoras e institucións públicas como o Concello de Palas de Rei.
A xornada do venres 5 terá como eixo central unha mesa de debate titulada “Por un futuro posible e desexable para o medio rural”, na que se analizarán diferentes perspectivas sobre a realidade e os retos do campo galego.
O programa continuará coa presentación de tres libros: Espertina e Esperpenta, de Andrea García Martínez; Arredor do Cuarto Pequeño, de Xosé Manuel do Castro; e O valor da auga, de protagonismo colectivo, presentado por Xosé Luis Otero Cebral, Fernando García Penas e Xosé Castro. A partir das 20:30 horas, o contacontos Anxo Moure ofrecerá a proposta “Unha árbore vén a vernos”, que dará paso a unha cea popular.
O sábado 6 de setembro a actividade trasladarase ás rúas de San Miguel de Coence cun roteiro teatral titulado “A Benvida”, unha montaxe coral e plural estruturada en 16 escenas breves que abordan diferentes formas de acollida na Galicia rural das décadas de 1950 e 1960, como o retorno migratorio, a chegada dunha herdanza ou o nacemento dun neno.
Ese mesmo día celebrarase tamén unha mostra de artesanía alimentaria e de oficios tradicionais, ademais dun xantar popular, xogos tradicionais e concertos a cargo de Davide Salvado e Fransy González, así como do grupo Os Carecos.