O sorteo da campaña Días Azuis do Comercio Galego 2025 reparte 20.000 euros en premios

A sede da Federación Galega de Comercio, situada en Lugo, acolleu o sorteo ante notario dos 20.000 euros en premios da campaña Días Azuis do Comercio Galego 2025, unha iniciativa de dinamización do comercio local que se desenvolveu entre o 20 de maio e o 10 de xuño.
A campaña, organizada pola Federación Galega de Comercio, a Xunta de Galicia e ABANCA, contou cunha alta participación, rexistrándose 134.112 tickets de compra procedentes de máis de 160 localidades galegas. Esta cifra supón un volume de negocio próximo aos 3,5 millóns de euros, o que reflicte o éxito da campaña no seu obxectivo de poñer en valor o comercio de proximidade, fomentar as compras e premiar a fidelidade da clientela.
No sorteo, realizado ante o notario José Manuel López Cedrón, distribuíronse 104 tarxetas prepago —44 de 250 euros e 60 de 150 euros— que deberán ser empregadas polos gañadores en novos establecementos do comercio retallista galego. A publicación oficial dos premiados farase tralo proceso de verificación notarial.
Ao acto asistiron a directora territorial da Consellería de Emprego en Lugo, Carmen José López; o director de zona Lugo Centro de ABANCA, José Manuel Rigueiro; e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López.
Os premios entregaranse o vindeiro xoves 26 de xuño na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Como novidade nesta edición, durante o acto sortearase en directo unha tarxeta prepago de 3.000 euros para gastar nunha xornada de compras na localidade que escolla a persoa afortunada.