O STEG convoca un peche educativo no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes en Lugo

LugoXa
A mobilización busca visibilizar o deterioro dos centros públicos e reclamar melloras para o profesorado
IES-Señora-dos-Ollos-Grandes-Lugo
4 Feb 2026

O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) anunciou un peche educativo que se celebrará este mércores, 4 de febreiro, no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, e que dará comezo ás 18:00 horas.

Esta acción xorde da situación de deterioro que viven os centros educativos públicos galegos e da falta de respostas da Consellaría ás demandas do profesorado. O peche convértese así nunha ferramenta esencial para defender os dereitos do profesorado e o ensino público.

A mobilización está aberta á participación de toda a comunidade educativa. Mesmo que non sexa posible permanecer toda a noite, STEG anima a achegarse para apoiar ás compañeiras pechadas e mostrar a forza colectiva do profesorado.

O sindicato subliña que a defensa dun ensino público galego de calidade vai ligada á mellora das condicións laborais do profesorado e que só coa implicación activa e organizada de todo o persoal docente se poderá facer fronte ao desleixo institucional e recuperar os dereitos perdidos.

⚙ Configurar cookies
0.089066982269287