O STEG denuncia a falta de profesorado en varios centros públicos da provincia

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Sober, Brollón, San Cibrao, Baleira, Lugo, Vilalba e Monterroso son algúns dos máis afectados
Imaxe recurso dun pai coa súa filla indo á escola
2 Out 2024

Tres semanas despois do comezo do curso, centros educativos públicos de toda a xeografía galega están a sufrir "as consecuencias dunha xestión claramente deficiente por parte dos responsables da Consellaría de Educación. Desde as direccións dos centros denuncian xubilacións sen cubrir, prazas desaparecidas no concurso de destinos ou outras que se eliminan sen explicación", así o explica o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza, que vén de entregar por rexistro un documento no que se recollen as demandas de máis de trinta centros de toda a xeografía para que se lles conceda o profesorado que lles corresponde. O escrito vai dirixido á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, responsable da xestión do persoal docente dos centros públicos galegos.

Poñen como exemplo na provincia de Lugo o CEIP Plurinlingüe Virxe do Carmen de Sober, no que reclaman unha vacante que se ofertou na adxudicación provisional pero non na definitiva. O centro contou con ela para a elaboración dos horarios xa que a inspección educativa de Lugo deu o visto bo, pero dende Santiago non a adxudicaron.

No CEIP da Pobra do Brollón obrigan ao centro a facer un agrupamento de 16 alumnos con rapaces de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, cun único docente que deberá atender as necesidades de idades dispares.

No IES Marqués de Sargadelos de San Cibrao ofértase un novo Ciclo Medio de Cultivos Acuículas, pero a administración non incorporou o profesorado necesario para impartir as aulas, polo que o alumnado permanece a espera sen recibir formación logo de varias semanas do inicio oficial das clases.

Acusan tamén falta de profesorado en máis 10 centros da provincia, no CEIP Plurilingüe Concepción López Rei en O Cádavo (Baleira), no CEIP Luís Pimentel e no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes en Lugo, no IES Lois Peña Novo en Vilalba e no IES de Monterroso, entre outros.

Afirman que existen centros na provincia de Lugo nos que a conselleira obriga a facer agrupamentos "que non atenden a ningún criterio pedagóxico", e noutros casos non
permiten desdobrar clases que superan os propios rateos acordados pola consellería.

"A situación tamén describe equipos directivos desbordados para poder atender todas as necesidades do alumnado e do centro. Equipos de orientación nos que unha única persoa atende a máis de 500 alumnas e alumnos con situacións moi delicadas como é atender a varios protocolos de suicidio abertos o mesmo tempo, situación máis común do que se pensa en moitos centros educativos galegos", din.

Ante esta situación o curso pasado o STEG non asinou este "acordo da miseria" por considerar que era insuficiente e promoveu con outras organizacións dúas folgas educativas, para denunciar a situación insostible do ensino público galego. En todo caso, reclama que a Consellaría cumpra os seus compromisos e non deixe o alumnado na actual situación de vulnerabilidade.

"Dito incumprimento estase a traducir en agrupamentos mixtos de máis de 18 crianzas, con varios casos de alumnado con grandes necesidades de apoio educativo, sen profesorado de apoio que permitiría desdobrar eses grupos, cando menos para a impartición das materias instrumentais (linguas e matemáticas)", engaden.

"A concesión dunha praza MEGA ou dun PROA+ (as famosas 400 prazas que o conselleiro Román Rodríguez anunciou a primeiros de setembro) non constitúe unha solución válida a longo prazo para estes centros, dado que o alumnado que require deses apoios específicos precisa dunha atención continuada no tempo, que facilite a xeración de lazos de confianza e procesos de traballo sostidos. Un contrato precario de 7 meses non favorece ese tipo de relación", explican.

Afirman que esta situación está a deixar a moitos centros educativos, nomeadamente os máis pequenos e/ou os situados no rural, nunha situación de desavantaxe e de precariedade, "xerando estrés no profesorado, que non pode desenvolver axeitadamente as súas funcións. O alumnado é o principal prexudicado nesta situación".

Nunha reunión mantida coa presidenta da Federación de ANPAS galegas, Isabel Calvete, membros do sindicato de docentes valoraron conxuntamente a situación deste comezo de curso como insostible en numerosos centros de ensino de titulariedade pública, así como a falta de diálogo por parte da administración educativa, que se nega sistematicamente a recibir ás familias e os equipos directivos.

O STEG solicitou un encontro con José Carlos Barros, subdirector xeral de recursos humanos, para coñecer as medidas que ten previsto pór en marcha o seu departamento para resolver esta situación.

0.10631895065308