O SUP mantén que o peche da sala do 091 en Lugo minará a calidade do servizo
O Sindicato Unificado de Policía (SUP) trasladou o rexeitamento desta organización sindical ao peche das salas do 091 en Lugo e Ourense, e insistiu en que a decisión de prescindir deste servizo a nivel provincial, para centralizalo na Xefatura Provincial da Policía Nacional na Coruña, afectará á "calidade" do servizo.
O SUP trasladou este mércores á Delegación do Goberno en Galicia a súa oposición ao peche das salas, que se fará efectivo o vindeiro 1 de marzo. Os representantes do sindicato policial advirten dos problemas técnicos que se derivarán deste cambio. Entre eles, explicaron, que "certas chamadas realizadas desde Lugo ou Ourense, según o operador de telefonía, non poderán ser derivadas á Coruña".
Insisten ademais na importancia da resposta rápida neste tipo de servizo, así como no feito de que se coñeza "a pé de rúa os lugares e os delicuentes", algo que non acontecerá cando quenes atenden as chamadas ao 091 sexan axentes doutra provincia.
No caso de manterse a decisión do peche, o SUP en Galicia ve necesario aumentar o persoal na Xefatura Superior da Policía Nacional para a prestación do servizo. Neste senso, reclaman unha "convocatoria urxente" para a dotación de "16 policías máis na Coruña", que sexa “aberta a toda España” para que poidan acceder a ela axentes galegos desprazados noutros lugares do país.
Na actualidade, a sala do 091 en Lugo funciona as 24 horas dos 365 días do ano, e conta con 9 funcionarios que atenden máis de 2.400 chamadas ao mes.