O suplicio de viaxar en ALSA
Por Raúl Río
A empresa ALSA (Automóviles de Luarca S.A.), que agora monopoliza os autobuses regulares de viaxeiros de todo Estado Español, solicita na súa páxina web que nos unamos a eles e ao seu proxecto “#HastaDondeTúQuieras”, porque seica emprenderon unha viaxe que os levará a re-deseñar o futuro do transporte. Para logralo seica contan con grandes profesionais e que andan na busca dos mellores talentos.
Non serei eu quen dubide das súas intencións, non de procurar mellorar as condicións dos viaxeiros, senón polo seu afán de conseguir un negocio mais rendíbel, aínda que penso que boa falta lles fai buscar outros “grandes talentos”, xa que os que ten agora para deseñar as rutas e enlazar os horarios con outras, penso que son un pouco limitados, a non ser que o fagan a propósito para cabrear ao persoal.
Digo isto, porque como usuario habitual dos seus servizos desde fai moitos anos, podo afirmar que coñezo perfectamente os seus intereses, contrarios as mais das veces aos dos viaxeiros e viaxeiras que depositamos neles a nosa confianza e o tempo que desperdiciamos nas súas rocambolescas e interminables viaxes.
No outono de 1969 emigrei a Euskal Herria, e daquela había varios autobuses que facían ese recorrido dun xeito irregular. Entre eles estaban “Autobuses Villar”, que foi o que me levou por primeira vez por aquelas estradas estreitas e con curvas, que sorteaban as montañas mindonienses, asturianas e cántabras durante unhas doce horas que botabamos na viaxe. Tamén facía este recorrido a empresa “Zapateiro” de Xermade, que seica tardaba algo mais e as veces, cando ía por Castela, tiña que facer noite en Burgos. Pero logo, cando ALSA mercou a “Empresa Ribadeo” e outras mais pequenas, para facerse co monopolio de viaxeiros a nivel estatal, denunciounos e tiveron que deixar de facer viaxes e os seus usuarios quedamos nas mans do novo monopolio.
Todo ía mais ou menos regular e á boa fe e botabamos unhas once horas e cuarto na viaxe, parando en case todos os pobos asturianos e cántabros, pero chegou a crise e, nesta pandemia que aínda nos condiciona, aproveitaron para reducir os servizos e aumentar as ganancias: Pecharon os servizos de venta de billetes e suprimiron liñas, mandando ao ERTE ás traballadoras e traballadores excedentes para que lles pague papá Estado cos nosos impostos, mentres a empresa satura ao máximo as prazas dos autobuses, sen importarlles o perigo de contaxio nin respectar a distancia que aconsella o Goberno para outros casos e para os que eles teñen bula. Así o que goza de boa saúde é o negocio á conta da dos pasaxeiros e pasaxeiras.
Agardo que algún deses cerebros que busca deseñe mellor os recorridos das diferentes liñas, facendo coincidir os horarios de chegada coa saída da seguinte cando temos que facer transbordo, sen ter que agardar media hora en Burgos, tres horas e media en León e unha e media mais en Ponferrada, como tivemos que facer nos tres transbordos que fixemos entre Bilbao e Guitiriz o pasado dia 8 de xuño, empeñando inutilmente mais de quince horas e pico da nosa vida nunha viaxe cuxo traxecto mais curto dista entre si menos de cincocentos quilómetros, superando amplamente o tempo que lles levaba a Autobuses Villar e ao Zapateiro de Xermade a finais dos anos 60, cando aínda non había autoestradas.
Outra das opcións que nos ofrece esta empresa é ir por Oviedo, facendo noite alí, (como con Zapateiro) e coller outro autobús ao día seguinte cara á Coruña, porque ese día, cando chega o autobús de Bilbao, xa non hai outro para poder empalmar e seguir a viaxe, co que nos levaría arredor de 24 horas chegar ao noso destino.
Sen embargo, debido ao xacobino centralismo españolista o eixo atlántico tamén pasa por Madrid e ALSA procura que os emigrantes galegos no Estado teñamos que pasar pola capital do reino para que vexamos a grandeza do “madroño”. Neste caso si que se esmeraron mais eses cerebros, pois collendo un autobús de Bilbao a Madrid e de alí outro á Coruña, chegamos moito antes que facéndoa pola costa cántabra, converténdose a ruta madrileña na mais rápida para chegar a Galiza desde Bilbao. Pero aínda así, segundo os horarios da páxina web, tardaríamos unhas doce horas, aproximadamente, pero encarecéndose o billete e aumentando os beneficios da empresa.
Así que, sen dúbida algunha, ALSA fainos retroceder no espazo e no tempo a aqueles anos nos que non había vías de alta capacidade e con aqueles vellos autobuses que sorteaban as curvas daquelas estradas con moitas fochancas, pero que aínda así eran mais rápidos e chegabamos antes ao noso destino que con estas autoestradas e estes autobuses con wifi e outros medios tecnolóxicos actuais e ninguén nos restitúe o tempo de vida que nos rouba esa compañía innecesariamente pola súa mala planificación, nin nos quita o suplicio, o calvario e o cabreo que supón viaxar nestas pésimas condicións.
De todos os xeitos quero agradecer o traballo, a profesionalidade e a atención das e dos empregados, que as veces teñen que excederse nas súas funcións para solucionar os problemas que a empresa lles crea a eles e ás sufridas viaxeiras e viaxeiros por falta de persoal.