O talento do audiovisual lucense reúnese no primeiro Encontro de videopoesía
O Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo organizou o I Encontro de videopoesía: Lírica e acción, no que se proxectaron audiovisuais elaborados por alumnos e alumnas de 2º de Realización baseados en poemas de autores e autoras galegos. Ademais, debateuse sobre as linguaxes cinematográfica, poética e fotográfica, e as posibilidades que a súa interrelación ofrece no mercado laboral.
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, inaugurou o encontro, que contou coa participación dos escritores Cristina Corral Soilán e Ángel Suanzes, do fotógrafo e responsable de Nêspera Editora, Breixo Parcero, e do profesor da escola David Pardo. Rivera Capón lembrou que “o mundo audiovisual está en continua evolución, polo que é necesario que os nosos estudantes saian ben preparados para facer fronte ás demandas do sector”.
Referiuse, por exemplo, a produtos como os booktrailers, “que permiten conectar o mundo da literatura coa realidade audiovisual que vivimos, e que son ideais para a súa emisión en Internet”. Segundo apuntou o responsable da área de Promoción Económica e Social, “no ano 2021, coincidindo coa pandemia, dende o noso Centro de Formación buscáronse fórmulas para que o alumnado puidese facer prácticas nas súas casas. Unha destas iniciativas, a de elaborar audiovisuais sobre textos de autores galegos, tivo moito éxito e consolidouse nos seguintes cursos”.
Técnica e talento
Neste primeiro encontro, proxectouse unha ampla selección da cincuentena de audiovisuais elaborados desde entón. “Son un exemplo máis do modelo educativo da Deputación, no que a parte práctica é fundamental para que os nosos alumnos sexan os futuros profesionais do sector audiovisual, como empregados ou como emprendedores dos seus propios proxectos”, apuntou Pablo Rivera.
A través destes videopoemas, cada alumno desenvolve libremente a súa creatividade a partir dun poema. O estudante é o responsable de todo o proceso, dende a idea que lle inspira a obra, ata a gravación, a montaxe ou o son. Debe facer fronte en solitario a todas as dificultades e retos que iso supón. “Este é un sector no que son moi importantes os coñecementos técnicos, pero tamén é fundamental a parte creativa, que é onde mellor se desenvolve o talento”.