O talento emerxente do Campus daranse a man este xoves no Emprega-T Fest

LugoXa
A delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, presentou este “espazo dinámico e cheo de enerxía”
elvira-lopez-mosquera-presentacion-empra-t
17 sep 2024

O Emprega-T Fest nace para converterse nun “espazo dinámico e cheo de enerxía” que conecte, o vindeiro 19 de setembro, as empresas cos diferentes perfís de demandantes de emprego. Así o explicou este luns a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, no acto de presentación deste festival do talento que se desenvolveu na delegación territorial da Xunta de Galicia en Lugo e na que tamén participou o delegado territorial, Javier Arias.

O evento, organizado polo Campus Terra e a Área de Orientación Laboral da USC, en colaboración co Concello de Lugo e coa Asociación de Empresarios do polígono do Ceao - As Gándaras, ofrece a través da súa páxina web a posibilidade de que as persoas interesadas rexistren os seus respectivos currículos ata o 18 de setembro.

A actividade que terá lugar na Praza Horta do Seminario de Lugo en horario de 10.00 a 19.00 horas, ten como obxectivo “potenciar as oportunidades laborais das persoas demandantes de emprego ou con ganas de mellorar a súa situación profesional”, explican dende o Campus Terra da USC. O evento contará con espazos expositivos onde as empresas presentarán a súa oferta de Recursos Humanos e como desenvolver a carreira profesional dentro delas; unha zona de entrevistas rápidas ou Speed Dating, na que se realizarán entrevistas dunha duración de 15 minutos entre empresas e persoas candidatas; así como mesas redondas, charlas de empresas e talleres formativos vinculados ao mercado laboral. Tamén se contará cun espazo de ocio onde as persoas asistentes poderán desfrutar de food trucks e música.

A partir das 19.00 horas, o festival dará paso a unha serie de actividades de carácter máis lúdico como un obradoiro de danza tradicional con Adrián Méndez; unha foliada cos grupos Axeigo e Cantareiras de Cantigas e Frores; así como un concerto do grupo Capital Voskov que servirá de colofón á xornada.

Habilidades comunicativas

Tal e como destaca Elvira López Mosquera, as persoas asistentes poderán participar en actividades “que faciliten a súa incorporación ao mundo laboral, interactuando con persoal recrutador de empresas de distintos sectores, asistindo a conferencias e mesas redondas, potenciando as súas competencias e habilidades comunicativas a través dos obradoiros e presentando o seu talento nas entrevistas rápidas coas empresas”.

Por outra banda, as empresas interesadas en participar cun espazo expositivo ou programar entrevistas de traballo con candidaturas de diversos perfís poden solicitalo enviando un enderezo electrónico empregatfest@usc.gal Para máis información pódese contactar co Equipo Técnico do Campus Terra en campus.terra@usc.gal e nos teléfonos 982 822 854 e 982 822 860. O evento está financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, así como pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

0.20097994804382