O talento feminino, a economía circular e as tecnoloxías, na segunda xornada do Tour do Talento
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, participou este mércores no Foro de Desenvolvemento de Talento, que tivo lugar no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), dentro da programación do Tour do Talento, iniciativa impulsada pola Fundación Princesa de Girona, da man do Concello. A rexedora realizou, así mesmo unha visita guiada pola exposición que o CIFP As Mercedes ofrece no MIHL ao longo de toda a semana, enmarcada tamén no programa do Tour.
“O Foro reuniu a 140 mozos e mozas do municipio que tiveron a oportunidade de escoitar a reputados expertos e especialistas no ámbito dixital e as novas tecnoloxías. Deste xeito, durante a xornada levouse a cabo un Focus Group sobre innovación, talento e propósito da man de Ou4I, Norvento Enerxía e Avincis”, explicou a rexedora.
Paralelamente, durante a xornada de mañá tiveron lugar dúas mesas redondas sobre economía circular e novos modelos de negocio no edificio Impulso Verde, coa participación de emprendedores lucenses como Antonio Fernández, de Ancaria SL; David Yáñez, de Ecinor; Santiago Seijas, de My Bike; Antonio Fernández, de Recicla2; Josefa de León, de Agroamb; e Mario Carballo de Maderas Besteiro.
Así mesmo, no Vello Cárcere celebráronse os encontros culturais “A cultura, un modo de vida” e “A diversidade cultural e a inclusión social”, que contaron con relatores como Cris Bamio, artista plástica e fotógrafa; Xema López, artista lucense; Christian Gutiérrez de TaTaTá Comunicacións; e José Luis Andújar Matalobos, deseñador gráfico, ilustrador e pintor.
Por outra banda, a rexedora visitou durante a tarde a carpa instalada na Praza Horta do Seminario, onde ao longo da xornada se celebrou a Feira de Primavera de Emprendedoras: Economía verde e circular, posta en marcha polo executivo municipal da man do programa Woman Emprende da USC, na que participaron 20 emprendedoras mostrando os productos e servizos que comercializan.
Para concluir a xornada, Méndez participou na charla A evolución da arte urbana: da rúa á galería, a través da que os grandes artistas urbanos de Lugo mantiveron unha charla cos mozos e mozas da cidade e resolveron as súas dúbidas.
PROGRAMA
Un día máis tarde, hoxe, xoves, levará a cabo un Encontro de docentes que deixan pegada dinamizado por Esteve López, formador de claustros e equipos directivos en Fundación Trilema, e María Batet, formadora en creatividade e emprendemento; un foro sobre Ecuación Talento onde se falará dos valores que inculca o deporte, e que tamén se aplican a outros aspectos da vida como na educación ou nas empresas, da man de xogadores, adestradores e profesionais de distintas empresas. O compromiso da Fundación Princesa de Xirona por achegar as carreiras STEAM aos mozos, e ás mulleres en particular, plasmarase cunha expedición tecnolóxica a Vertex Bionergy, así como a Norvento Enerxía para completar a proposta de actividades.
No ecuador do Tour do Talento Lugo 2023, o venres 5 de maio, terá lugar o acto central no Auditorio Municipal Gustavo Freire, onde se desvelará tamén o fallo do Premio Princesa de Xirona Investigación Científica 2023 da man dun xurado de expertos e premiados da fundación de anos anteriores. Antes do acto central do Tour do Talento de Lugo terá lugar no mesmo auditorio o Congreso «Importa», da man da Fundación O que de verdade Importa (LQDVI) e ofrecerá unha serie de charlas que achegarán aos novos valores como a tolerancia, a superación, o respecto ou a solidariedade. Dani Caverzaschi, tenista español número 1 nacional e o 14 a nivel mundial e unha das promesas do deporte paralímpico español e Antonio Espinosa, CEO de Aura, empresa social cuxo fin é financiar proxectos de acceso a auga potable, protagonizarán o encontro.
O Rei, Felipe VI, xunto coas primeiras autoridades de Galicia, presidirá o acto central do Tour do Talento Lugo. O acto terá lugar no auditorio municipal e a chegada do Rey está prevista para as 11.00 horas xa que este iniciarase ás 11.15 horas. Ao finalizar, ás 12.20, está previsto un encontro co novo premiado.