O talento lucense chega ao auditorio Buero Vallejo para participar nunha orquestra única duns 200 escolares
A escola Heiko foi a única galega que formou parte do encontro nacional Musicaeduca, organizado en Guadalaxara, no que se xuntaron alumnos de Almería, Tudela, León, Córdoba ou Madrid
O VII encontro nacional de Musicaeduca, organizado en Guadalaxara, tivo selo lucense. O talento galego estivo representado polo alumnado da escola Heiko, que participou por primeira vez na cita xunto con escolares de Almería, Tudela, León, Córdoba ou Madrid. Con esta proposta o centro continúa a súa aposta polo traballo en equipo mentres ensinan aos máis pequenos a divertirse a través da música, como xa fixeron no primeiro coro colaborativo que organizaron 2023 e que implicou a alumnos e profesores e a nove colexios da cidade.
“Xuntámonos 700 escolares para celebrar o nomeamento do Arde Lucus como Festa de Interese Turístico Nacional. Foi a nivel Lugo, porque os encontros a nivel nacional deixáronse de facer pola covid, pero este ano retomáronse e presentámonos para ir a tocar”, conta a directora da escola, Alis Martínez.
Nesta iniciativa participan centros de todo España que comparten a metodoloxía na que aprenden os fundamentos da linguaxe musical a través da experimentación e a práctica instrumental. “Fomos pais, alumnos, unha profesora da escola e eu. É unha experiencia moi bonita, tanto para o centro como para as familias ás que tamén se implica e para as que tamén se programan actividades como rutas turísticas mentres os alumnos e os profesores ensaiamos”.
Mark Contreras, Iker Jarauta e Sara Riaza foron os encargados de dirixir aos rapaces durante o concerto familiar Vive la música no Teatro Buero Vallejo, o colofón final da xuntanza e no que coincidiron alumnos de idades, cidades e niveis distintos. “Aí é onde amosamos todo e actuamos xuntos. Foi marabilloso, eran 195 nenos para o coro e sobre 100 músicos de orquestra enriba do escenario".
Trátase dunha actuación única para estes pequenos amantes da música. "Teñen a gran sorte de formar parte dun concerto desas dimensións, porque chegar a ese volume de participantes ata que non eres un músico profesional é complicado. É un incentivo para os nenos moi grande que lles motiva a seguir”.
Formar parte da orquestra, que abrangue un repertorio con xéneros tan distintos como a música clásica ou o pop, supón unha gran aprendizaxe. “Mestúranse idades, porque non hai límite, había nenos desde os 8 anos ata alumnos que son adultos. Entón coñecen a nenos, adolescentes e adultos que están nas mesmas ou distintas condicións e en puntos distintos de aprendizaxe e enriquécense moito”. A cita deixou moi bo sabor de boca, polo que non dubidan en participar na seguinte, que terá lugar en Xaén no 2026. “Este ano era a toma de contacto e iamos en grupo reducido, pero o seguinte xa o pensamos coma un formato máis grande”, conclúe a directora.