O Terra Creative Jam premiou novos proxectos para reinventar o rural
O evento de xeración de ideas innovadoras promovido polo Campus Terra e a AVTE da USC distingue propostas que apostan pola dixitalización e a Intelixencia Artificial para facer máis rendibles as granxas, dinamizar a vida cultural e mellorar a conservación do medio natural a partir da xeolocalización de vertedoiros incontrolados.
A dixitalización e a progresiva implementación da Intelixencia Artificial a procesos e procedementos de xestión nas explotacións agrogandeiras semellan ser elementos chave para a revitalización do medio rural, segundo se desprende das ideas e propostas innovadoras xerminadas e propostas pola mocidade universitaria galega que participou na residencia universitaria Jesús Bal y Gay de Lugo na terceira edición do Terra Creative Jam, un evento creativo e de xeración de ideas para reinventar o medio rural promovido polo Campus Terra e a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC xunto coa incubadora Lug Open Factory.
As preto de 50 persoas, mozos e mozas procedentes da maioría dos campus universitarios galegos, que tomaron parte nos obradoiros e actividades deseñadas polos promotores do III Terra Creative Jam para resolver desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos, e achegar así novas solucións para “reinventar o rural”, presentaron un total de oito propostas, todas elas ligadas ou, cando menos relacionadas, coas áreas de traballo propostas: Economía verde, produción eficiente e sostible, educación inclusiva e de igualdade, emprendemento dixital e uso de TIC’s no rural, industrias creativas, benestar animal, alimentación e vida saudable ou mellora dos ecosistemas.
Así, logo de dúas intensas xornadas de convivencia e traballo, aliñadas co humor achegado por Pepe Suevos, que actuou como monologuista convidado ao evento, o xurado encargado de avaliar os prototipos de proxectos e ideas innovadoras achegadas pola mocidade, acordou distinguir tres propostas centradas na instalación de sensores diversos en granxas agrogandeiras, así como na posta en marcha de portais ou plataformas dixitais que recolleran e informaran da ampla oferta de eventos relacionados coa cultura tradicional (festas, festivais, certames...), así como da riqueza patrimonial existente no medio rural. A outra proposta galardoada consiste nun proxecto centrado na conservación do medio natural a través da creación e posta en marcha dun sistema de xeolocalización que posibilite identificar a existencia de vertedoiros incontrolados de lixo ou refugallos e a súa conseguinte eliminación.
Daquela, o proxecto Optimuuu, que resultou o máis valorado, propón unha web centralizadora de sistemas gandeiros para mellorar ingresos, xerar eficiencia ecolóxica e domotizar as granxas. A proposta tamén galardoada Ga-Link, consiste nunha App para dixitalizar o rural destinada a fomentar o turismo, de tal forma que podamos planificar ou localizar as festas gastronómicas, catas de viños, noticias, eventos... que se atopen mais próximas á nosa posición en tempo real. Completa a terna de ideas innovadas ou prototipos de proxectos máis valorados polo xurado da III Terra Creative Jam, Elixo, unha aplicación a través da que, os distintos concellos poderían competir por ter o municipio máis limpo.
As persoas promotoras dos tres mellores prototipos de proxecto recibiron como agasallos unha praza para todo equipo na Residencia formativa LOF TALENT, así como un convite directo de participación na próxima edición do programa de emprendemento EXPLORER USC. Ademais, os integrantes dos equipos gañadores tamén foron obsequiados con varios dispositivos tecnolóxicos, tales como cámaras tipo GoPro, ou tablets, entre outros.