O Torneo de San Froilán consolídase como unha cita clave para o béisbol e o sóftbol en Lugo

LugoXa
O Campo de O Ceao acolleu dúas intensas xornadas e prepara unha terceira cita o 11 de outubro coa participación do CBS Os Tilos
torneo-de-San-Froilán-de-béisbol-e-sófbol-25
7 Oct 2025

As festas do San Froilán volveron encher de deporte a cidade de Lugo coa celebración do XV Torneo de Béisbol e Sóftbol, unha competición xa consolidada no calendario deportivo lucense. O Campo de Béisbol de O Ceao foi o escenario, durante esta fin de semana, de dúas xornadas cheas de emoción e deportividade.

O sábado disputouse a categoría sub-15, cun dobre enfrontamento entre os equipos Lume e Cambre. A pesar da choiva, ambos conxuntos ofreceron dous partidos moi competidos que remataron coa vitoria do equipo de Cambre. A entrega de trofeos contou coa presenza do concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas.

Na mañá do luns foi a quenda dos veteranos, cun vibrante duelo entre dous históricos clubes lucenses, Lume e Helios. O marcador final foi de 12-11 a favor do Helios, nun encontro moi igualado que fixo as delicias do público. Nesta ocasión, os trofeos foron entregados polo concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos.

A terceira e última xornada do torneo celebrarase o vindeiro sábado 11 de outubro, ás 10:30 horas, novamente na categoría sub-15. O equipo CBS Os Tilos, de Teo, desprazarase ata Lugo para disputar un novo partido da Copa de Galicia fronte ao conxunto local, nunha nova oportunidade para desfrutar do deporte e do ambiente festivo do San Froilán.

⚙ Configurar cookies
0.1020610332489