O Torneo Escolar de Xadrez de Semana Santa desenvolveuse cunha gran participación e bo ambiente

LugoXa
A competición reuniu a 92 xogadores no soto da Praza de Abastos e destacou pola ampla presenza de nenos e nenas de curta idade
Torneo-Escolar-de-Xadrez-de-Semana-Santa-Lugo
16 Mar 2026

O Torneo Escolar de Xadrez de Semana Santa, promovido pola Concellería de Educación en colaboración coa Escola Luguesa de Xadrez, celebrouse o pasado domingo no soto da Praza de Abastos de Lugo cunha notable resposta de participación, consolidándose como unha das citas destacadas do xadrez base na cidade.

A competición reuniu un total de 92 xogadores e xogadoras, que protagonizaron unha xornada marcada por un excelente ambiente arredor do xadrez desde o inicio das partidas. Un dos aspectos máis salientables foi a numerosa presenza de nenos e nenas de pouca idade, o que evidencia o crecente interese por esta disciplina entre os máis pequenos e tamén o labor de promoción que se está a desenvolver nos centros educativos.

Ao longo do día disputáronse dous torneos paralelos. Por unha banda celebrouse a competición destinada a participantes con elo FIDE e, por outra, un torneo Open dirixido a xogadores e xogadoras sen elo. As categorías abrangueron desde Sub-8 ata Sub-14, ademais dunha categoría absoluta para participantes sen elo.

As partidas desenvolvéronse cun ritmo de xogo de 7 minutos máis 3 segundos por movemento, o que deu lugar a encontros moi dinámicos e intensos.

Desde a organización valorouse de maneira moi positiva tanto a elevada participación como o comportamento exemplar de xogadores, familias e público asistente. Neste sentido, destacouse o carácter educativo e formativo da iniciativa, que contribúe a reforzar o xadrez como ferramenta pedagóxica e de convivencia, fomentando entre os máis novos valores como o respecto, a concentración e o compañeirismo.

En canto aos resultados, os vencedores nas distintas categorías foron Xoel González Álvarez en Sub-8 con 4.5 puntos, Francisco Dorado Torre en Sub-10 con 5 puntos, Alessandro Noe Díez Martínez en Sub-12 con 4 puntos, Francisco Sánchez Arias en Sub-14 con 4 puntos e Marcos Iglesias Flores, con 1900 de elo, na categoría absoluta tras sumar 5 puntos.

0.12825083732605