O Torneo Lugo Debate 2026 reunirá a máis de 200 estudantes na súa segunda edición

A Asociación Más Debate presentou este martes no Hotel Este-Oeste a segunda edición do Torneo Lugo Debate, nun acto no que participaron representantes institucionais e académicos como o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o concelleiro de Xuventude do Concello de Lugo, Jorge Bustos; e a directora da Escola Universitaria de Relacións Laborais da USC en Lugo, Mercedes Montes.
Durante a presentación déronse a coñecer os principais detalles dun evento que volverá situar a cidade de Lugo como punto de encontro do talento novo, reunindo a máis de 200 estudantes organizados en 30 equipos procedentes de centros educativos das catro provincias galegas. O torneo volve completar todas as súas prazas, evidenciando o crecente interese polo debate como ferramenta formativa.
Entre as novidades desta edición destaca a incorporación dunha visita guiada pola cidade na mañá do xoves, dirixida ao alumnado participante procedente de fóra de Lugo e conducida por Guido Guida, co obxectivo de reforzar a dimensión cultural da cita.
O programa incluirá tamén unha proposta musical destacada, cun concerto previsto para o venres 10 de abril ás 20.30 horas na Delegación da Xunta a cargo de Tere!, unha artista madrileña cunha destacada proxección que iniciará en Lugo unha xira que a levará por cidades como Vigo, Madrid ou Liverpool.
As roldas de debate desenvolveranse na Escola Universitaria de Relacións Laborais, mentres que a xornada final terá lugar o 11 de abril no Círculo das Artes de Lugo, onde se celebrarán os enfrontamentos decisivos.
O formato da competición volverá esixir un alto nivel aos participantes, que contarán con apenas 15 minutos de preparación antes de cada debate e deberán enfrontarse a temas distintos en cada rolda, todos eles vinculados á actualidade, o que require axilidade mental, capacidade analítica e flexibilidade argumentativa.
Tal e como se destacou durante o acto, o equipo gañador será premiado cunha viaxe a Bruxelas convidado polo eurodeputado Francisco Millán Mon. Durante esta experiencia, o alumnado visitará o Parlamento Europeo e a sede da OTAN, ademais de manter encontros con mozos e mozas españois que desenvolven a súa carreira profesional en institucións europeas e no ámbito da comunicación.
O torneo conta un ano máis cun amplo respaldo institucional, consolidándose como unha iniciativa que combina formación, cultura e xeración de oportunidades para o talento novo na provincia de Lugo.