O Torneo Lugo Debate acollerá a partir deste xoves a 200 estudantes

O Torneo Lugo Debate da Asociación lucense Más Debate dará comezo este xoves no campus universitario da USC, onde se reunirán arredor de 200 mozos preuniversitarios de toda a rexión.
O torneo, que se desenvolverá entre o xoves e o sábado, leva por lema “moito máis que un torneo de debate” e contará coa participación de estudantes de 3º de Secundaria e 2º de Bacharelato de centros educativos das catro provincias galegas.
A Asociación Más Debate, encargada da organización do evento, anunciou unha serie de actividades paralelas que complementarán as intensas xornadas de debate, moitas delas abertas ao público. Óscar Rodríguez de Vivero, presidente da Asociación, describiu o evento como “un auténtico festival do talento galego”.
ACTIVIDADES
A xornada inaugural comezará o xoves pola mañá, cando os participantes cheguen a Lugo e disfruten dunha visita turística guiada por Guido Guía, que lles amosará os principais encantos da cidade. O percorrido rematará na Casa Consistorial, onde serán recibidos polo alcalde, Miguel Fernández. A continuación, os participantes trasladaranse á Facultade de Ciencias do campus da USC para dar comezo aos debates.
Durante os descansos entre as rondas de debate, os participantes poderán asistir a obradoiros de habilidades profesionais a cargo dos membros de Más Debate. Ademais, no intervalo entre rondas, Elio López, CEO de Innogando, ofrecerá unha charla sobre a innovación empresarial no rural galego.
O venres, a xornada comezará cos últimos debates da fase de grupos e as rondas eliminatorias. No intermedio, a medallista paralímpica lucense Adiaratou Iglesias dará unha charla sobre a súa experiencia no deporte. Pola noite, os participantes desfrutarán dun concerto de Luis Fercán, un cantautor galego con gran proxección internacional. Este concerto, por motivos de aforo, será a única actividade pechada ao público externo.
O sábado, as finais do torneo celebraranse no auditorio da Delegación Provincial da Xunta de Galicia en Lugo. Durante a xornada, David Calle impartirá unha charla sobre innovación educativa. Ademais, a Asociación Senatus Lucus Augusti presentará as súas actividades para promocionar o Arde Lucus e contribuír ao turismo da cidade.