O Tour do Talento pon en valor a Lugo como potencia deportiva na terceira xornada
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Deportes, Mauricio Repetto, participou este xoves na sesión Ecuación talento: equipos de alto rendemento, promovida polo executivo municipal e a Fundación Princesa de Girona dentro da programación do Tour do Talento. Esta actividade tivo lugar no MIHL e contou coa participación de destacados profesionais do deporte lucense como Roberto Fernández, adestrador de porteiros do CD Lugo; Salva Arco; director da Fundación Breogán; ou Roberto Ramos, socio fundador e CEO do Grupo Be One/ Serviocio.
Méndez puxo en valor “o talento deportivo da cidade, tanto a nivel de equipos, con clubes na elite nacional como o CB Breogán, o CD Lugo, ou o CV Emevé; como a nivel individual, con campións mundiais e mundialistas da talla de Jorge Prado ou Adiaratou Iglesias; entre outros moitos exemplos que demostran que somos unha potencia neste eido”.
Na sesión celebrada no MIHL participaron máis de 80 mozos e mozas da cidade que tiveron ocasión de interactuar cos ponentes e aprender das súas experiencias e consellos. A xornada continou pola tarde coa conferencia “Flow no alto rendemento” da man de Carlos David Prieto, adestrador de Javier Gómez Noya; María Antonia Lizarraga, responsable médica da área de nutrición no Fútbol Club Barcelona; e Ander Martin, Instrutor do programa de Mindfulness e redución de estrés (MBSR).
Lara Méndez visitou tamén na praza Horta do Seminario os stands da feira “USC Campus Terra: Creando Talento”, que serviu de encontro entre o alumnado de educación secundaria e as diferentes escolas e facultades que compoñen o Campus de Lugo, para facilitar que os mozos e mozas exploren posibles vías na súa carreira formativa. Así mesmo, realizouse un un taller científico co obxectivo de divulgar a ciencia entre os máis novos, impartido por XuvenLab.
Neste senso, a alcaldesa destacou que “Lugo é unha cidade ideal tanto para estudar como para vivir, pola calidade das titulacións do Campus Terra, entre as que se atopan algúns dos graos máis destacados do país como o de Veterinaria ou o de Enxeñaría Forestal; así como pola nosa calidade de vida e o noso patrimonio histórico, cultural e natural, que fan do noso municipio un lugar único”.
Adicionalmente, tivo lugar unha mesa redonda con egresados do Campus Terra e charlas de carácter divulgativo impartidas por Guillermo Mínguez e Eleonora Viezzer, e moderadas por José Vázquez Tato, Catedrático de Química Física, e Marcelino Maneiro Maneiro, Profesor titular de Química Inorgánica.
A rexedora acudiu, así mesmo, á mesa redonda “Sustentabilidade empresarial, como integrar o enfoque circular”, celebrada no edificio Impulso Verde e na que participaron Laura Aldariz Muinelo, técnica en Tecgal Enerxías SL; Josefa de León Blanco, Agroamb, Vocal no comité Executivo de Pacto Mundial de Naciones Unidas - Red Española; Pablo Yanes, dueño de Cabañas da Chousa.
A continuación, neste mesmo emplazamento, tivo lugar a charla “A importancia do consumo responsable e o deseño sostible”, coa participación de: Noemí Rodríguez , CEO e Cofounder Himikode; Gonzalo Abuín, Conselleiro Delegado de Perfect Numbers; Lucia Álvarez, responsable de internacionalización de TasteLab.
En sesión de tarde, Méndez participou no MIHL, nun encontro de profesores e profesoras baixo o título “Encontro de docentes que deixan pegada”, no que participaron Esteve López, formador de claustros e equipos directivos; e Maria Batet, mestra, formadora en creatividade e emprendemento.
Dentro da programación do Tour deste xoves tamén tiveron lugar dúas expedicións de estudantes a Norvento Enerxía, corporación referente mundial en autoxeración e independencia enerxética; e Vertex Bioenergy, referente europeo na industria dos biocombustibles.
ENERXÍAS RENOVABLES
Un edificio 0 emisións e con independencia absoluta da rede eléctrica. Con esta premisa arrincaba esta mañá a expedición tecnolóxica ao Centro de Innovación Norvento Enerxía (Cinema) de Lugo que se organizou no marco do Tour do Talento. Un grupo de estudantes do centro de Formación Profesional As Mercedes e de varios perfís universitarios das especialidades de enxeñería da Universidade de Vigo coñeceron a sede desta empresa que se abastece integramente con enerxías renovables. Este edificio aproveita a luz do sol, a auga da choiva, recicla as augas grises, evitando a emisión á atmosfera de máis de 160 toneladas anuais de gases de efecto invernadoiro.
A xornada tamén incluíu unha expedición tecnolóxica a plántaa Bioetanol Galicia SA de Vertex Bioenergy. Os mozos que participaron nesta actividade descubriron as vantaxes do bioetanol, un combustible renovable que contribúe a reducir o efecto invernadoiro. Ademais, falouse sobre a dixitalización nos traballos do presente e futuro e a reivindicación das capacidades STEM.
Doutra banda, no edificio Impulso Verde celebrouse unha xornada dedicada á sustentabilidade a través da economía circular, o deseño circular e a economía colaborativa como xeradores de oportunidades de crecemento sostible.