O Trail Terras de Burón supera os 800 participantes nunha edición marcada pola dureza e a neve

LugoXa
A carreira de montaña incorporou por primeira vez unha distancia ultra de 58 quilómetros na Fonsagrada
Trail-Terras-de-Burón-A-Fonsagrada
31 Jan 2026

A cuarta edición do Trail Terras de Burón reuniu na Fonsagrada a máis de 800 persoas nunha das citas de montaña máis esixentes do calendario deportivo da provincia. A proba estivo condicionada polas alertas de neve rexistradas na Montaña e destacou pola incorporación, por primeira vez, dunha categoría competitiva en distancia ultra de 58 quilómetros, o que converteu esta edición na máis dura desde a súa creación.

O evento contou cun amplo programa de probas adaptadas a distintos niveis, cunha andaina popular de 16 quilómetros e tres carreiras competitivas. Entre estas figuraron o Trailiño, cun percorrido de 18 quilómetros; o Trail das Seimeiras, de 30 quilómetros; e o Ultra Terras de Burón, a modalidade máis esixente, cun trazado de 58 quilómetros e un desnivel positivo acumulado de 3.000 metros.

A chegada dos participantes foi recibida polo deputado de Medio Ambiente e alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, quen felicitou aos deportistas polo esforzo realizado nas distintas modalidades. O responsable provincial destacou o crecemento progresivo desta cita deportiva, que nesta edición superou por primeira vez a barreira das 800 persoas inscritas, un dato que, ao seu xuízo, confirma a consolidación da proba no calendario deportivo da provincia de Lugo.

Carlos López subliñou tamén o impacto positivo que o Trail Terras de Burón ten na economía local e na promoción turística da Fonsagrada, así como do conxunto da Montaña. Neste contexto, lembrou a colaboración da Deputación de Lugo coa entidade organizadora, o Club de Montaña Terras de Burón, ao que achega unha achega económica de 5.000 euros para o desenvolvemento das súas actividades.

⚙ Configurar cookies
0.081686019897461