O transporte público de Lugo alcanza un novo récord en setembro de 2025

Rubén Arroxo, tenente alcalde e concelleiro responsable de Mobilidade, destacou que o transporte público da cidade rexistrou en setembro de 2025 un total de 213.505 billetes expedidos, cifra histórica para este mes e que confirma a fidelización crecente da veciñanza co bus urbano.
O concelleiro sinalou que “máis de 213.000 usuarios nun só mes confirma que as e os lucenses apostamos polo bus urbano como medio de transporte útil”. A evolución dos datos avala esta tendencia: en setembro de 2019, antes da baixada provocada pola pandemia, o servizo rexistraba 183.440 viaxeiros, 30.065 menos que este ano. O ano pasado, a cifra alcanzou 193.146 billetes expedidos, que agora se superou en 20.359 billetes.
Arroxo subliñou que “o bus urbano segue demostrando que é a mellor maneira de moverse por Lugo. Temos unha rede de liñas que conecta a preto do 90 % da poboación e tarifas moi accesibles, o que está a facer que cada vez máis xente escolla o transporte público no seu día a día”.
Desde a área de Mobilidade insístese na promoción do bus urbano como un medio económico, sustentable e cómodo, que evita problemas de aparcamento e contribúe a reducir a pegada de carbono na cidade. O billete ordinario custa 0,64 euros, con desconto a 0,45 euros coa Tarxeta Cidadá e só 0,31 euros para colectivos bonificados, como persoas con mobilidade reducida, pensionistas, estudantes ou desempregadas. Ademais, os transbordos son gratuítos para quen emprega a Tarxeta Cidadá.