O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anula a ordenanza que grava as terrazas de Lugo
A Asociación de Empresarios Lugo Monumental mostra a súa satisfacción despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia lle dera a razón e anulase a ordenanza que grava as terrazas de Lugo, unha normativa cuns importes disparatados.
O Concello decidiu modificar esta ordenanza sen xustificación algunha, xa que aínda que alegaron a existencia dunha sentenza que lles obrigaba iso non era certo “de feito esta asociación desafiou a administración a mostrala sen que ata o momento se fixera, porque non existe tal documento e simplemente se trataba dunha medida recadatoria que agora queda sen efecto” afirman dende a asociación.
O hostaleiro foi un sector especialmente castigado pola pandemia, e a aparente xenerosidade municipal de eximir o pago das taxas nos anos 2021 e 2022 non impedía que desde o 2023 fosen recuperar ese diñeiro, xa que a taxa multiplicouse ata por 6 en determinados casos.
Dende a Asociación mostran o seu agradecemento aos locais de hostalería que apostaron por esta demanda e colaboraron no seu financiamento, e tamén aos locais comerciais non vinculados á hostalería, aos hostaleiros xubilados e ás persoas que non tiñan interese persoal directo no asunto que colaboraron para reunir o importe do custo da demanda.
Lugo Monumental aproveita esta oportunidade para tender a man ao Concello de Lugo para colaborar na redacción dunha nova ordenanza, unha que sexa razoable e que non implique que un hostaleiro lucense pague pola súa terraza o dobre que un de Santiago ou Coruña e dez veces máis que un de Vigo, cidades onde o rendemento destas instalacións obviamente é moi superior.
Dende o Concello afirman que das 3 alegacións presentadas, dúas foron desestimadas integramente, mentres que a resolución só estima parcialmente 1, declarando nulo só o artigo 4 da devandita Ordenanza, en canto non considera xustificados suficientemente a aplicación de 3 (dos 9) coeficientes correctores que se aplicaron. Foron os tres cos que se trataba de ponderar o risco, os gastos ocasionados á Administración local e a exclusividade de utilización do chan público que implica a instalación de terrazas na rúa. Sen que, por outra banda, a maxistrada faga obxección ningunha ao resto de apartados e aspectos que recolle a revisión practicada á norma.
“Cómpre destacar que non se trata dunha sentenza firme e, polo tanto, dende a área de Facenda Local valoraremos agora que pasos dar, ben para recorrela ou ben para revisala de acordo, primeiro ao interese xeral e á potestade recadatoria que temos os municipios pero tamén, sendo conscientes da situación actual e das necesidades do sector da hostalaría, como sempre fixemos. Polo que tamén me parece moi importante recordar que esta taxa nunca chegou a aplicarse xa que dende que se declarou o Estado de Alarma se lle eximiu a este tipo de establecementos do seu pago. Unha exención que se mantén actualmente como tamén se manteñen o resto de medidas habilitadas para apoiar ao sector e garantir a súa viabilidade a pesar das restricións que impuxo a pandemia”, sinalou a tenente de alcaldesa e concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos.