O “Truco ou trato” de Lugo Monumental volve ao casco histórico con máis de 75 locais

A Asociación Lugo Monumental recupera un ano máis a popular actividade “Truco ou trato”, que encherá de vida o casco histórico de Lugo o vindeiro venres 31 de outubro a partir das 17:00 horas. Nesta edición participan arredor de 75 locais que repartirán doces de balde a todos os nenos e nenas que se acheguen a visitalos.
Como é habitual, a Asociación publicará nos próximos días un mapa interactivo de Google co listado completo dos establecementos participantes, que tamén poderá consultarse na web xunto coas instrucións de participación e as bases do sorteo. Este mapa permitirá planificar os percorridos para que os pequenos poidan visitar o maior número posible de comercios.
Ademais, Lugo Monumental repartirá 2.500 bolsas decoradas con forma de cabaza, elaboradas en papel seguindo criterios ecolóxicos e fabricadas por empresas locais, co obxectivo de reducir o uso de plásticos e apoiar o tecido empresarial lucense. Cada local entregará pequenas cantidades de doces, de maneira que os participantes poidan percorrer máis establecementos e prolongar a experiencia festiva.
A actividade está aberta a todos os nenos e non require inscrición previa e lembran que non é obrigatorio acudir disfrazado, aínda que o recomendan para fomentar o espírito lúdico e festivo desta xornada que xa se converteu nunha tradición na cidade.
Como novidade, este ano Lugo Monumental organizará por primeira vez un sorteo en Instagram, no que se repartirán cinco premios de 100 euros en vales de compra para gastar nos locais participantes. Para participar, será suficiente con subir unha fotografía dos nenos durante o “Truco ou trato” na que se recoñeza un establecemento participante ou se etiquete o mesmo, incluíndo os hashtags #LugoMonumental e #TrucoouTratoLugo2025.