O TSXG declara nulos, tanto a supresión da praza da socialista nogalega, Sonia Fernández, como o seu despido

LugoXa
Navia de Suarna celebrou este domingo a XXXII Festa da Androlla con máis de 4000 quilogramos a vender deste produto típico
sonia fernandez perez candidata psoe as nogais
27 Dec 2023

O cese como traballadora municipal no ano 2021 da actual voceira do PSdeG nas Nogais foi “unha vinganza política” do alcalde do PP. Así o manifestan os socialistas, á vista da sentenza que vén de ditar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), na que dá a razón a Sonia Fernández Pérez, e declara nulos, tanto a supresión da súa praza de auxiliar administrativo como funcionaria interina do Concello, como o seu despido, recoñécelle o dereito a reincorporarse ao seu posto de traballo nas mesmas condicións, así como o abono das cantidades que deixou de percibir máis os intereses, e impón as costas á entidade local.

Queda polo tanto demostrado que o alcalde e tamén deputado provincial, Jesús Núñez, “orquestrou unha represalia en toda regra” contra Sonia Fernández como empregada do Concello “pola súa ideoloxía política”. O PSdeG subliña ademais que esta actuación “arbitraria e irresponsable”, xa de por si “intolerable”, non foi algo puntual, senón que o rexedor “é reincidente” na “persecución política a quen non pensa coma el”, pois no ano 2013, “logo de facerlle a vida imposible”, despediu a outra traballadora do Concello, polo que tivo que pagarlle unha indemnización de 41.000 euros.

O PSdeG esixe “responsabilidades” ao Partido Popular, e que “condene estes feitos gravísimos do seu alcalde e deputado, que deben ser erradicados para garantir a calidade democrática, porque co seu sectarismo e comportamento caciquil está coartando os dereitos e liberdades dos veciños e veciñas das Nogais”.

O Alto Tribunal determina que as decisións non están motivadas

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na sentenza ditada o pasado 20 de decembro, estima o recurso que presentou Sonia Fernández porque “a decisión da amortización da praza que ocupaba interinamente a recorrente non está debidamente motivada, nin moito menos acreditou a parte demandada que a necesidade das funcións, as que viña desempeñando a recorrente, haxa desaparecido, nin tampouco acreditou que esas funcións vaian ser realizadas por quen haberá de ocupar dúas novas prazas, en réxime de interinidade: Escala Administración Especial, Arquitecto (A1) e Escala de Administración Xeral, Técnico (A2). Por iso, conclúese que concorre causa de nulidade na amortización da praza que viña ocupando a recorrente e no cesamento da mesma”.

Ademais, o TSXG “determina claramente a nulidade da resolución do cese” porque a normativa que aplica o Concello “non é a correcta”, en tanto que “a vinculación da recorrente coa entidade local demandada era de funcionaria interina, non de persoal laboral, polo que os preceptos legais mencionados na resolución de cese non son correctos”.

En base a estes argumentos, o Alto Tribunal declara a nulidade da resolución do Concello das Nogais ditada con data do 15 de xaneiro de 2021 no que se refire á amortización da praza de auxiliar administrativo, Escalda de Administración Xeral, grupo de clasificación profesional C2, que viña ocupando como funcionaria interina Sonia Fernández dende o ano 2017, deixando sen efecto dita amortización.

O TSXG declara tamén a nulidade da resolución do Concello do 19 de xaneiro de 2021 pola que se acorda o cese de Sonia Fernández, recoñecendo ao mesmo tempo o seu dereito a reincorporarse á praza nas mesmas condicións que tiña antes de ser removida do mesmo, cos dereitos profesionais e económicos inherentes a ela, co abono das cantidades que deixou de percibir dende o 4 de febreiro de 2021, data na que se produciu o cese, incrementadas cos intereses legais desde o día en que deberon ser percibidas tales retribucións salariais ata o momento do seu efectivo abono, co recoñecemento de dito período como tempo de servizo, xunto co resto de dereitos administrativos que correspondan, e todo elo, con expresa imposición de costas ao Concello cun límite de 1.500€ en concepto de gastos de defensa da recorrente.

0.049973011016846