O TSXG denega a suspensión cautelarísima solicitada por Lugo Monumental

LugoXa
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denegou a medida cautelarísima solicitada pola Asociación de Empresarios Lugo Monumental.
terrazas covid bares
7 Ago 2021

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denegou a medida cautelarísima solicitada pola Asociación de Empresarios Lugo Monumental para que suspendese o requirimento de presentación dun certificado covid19 emitido polo servizo público de saúde ou laboratorio oficial para acceder ao interior de establecementos hostaleiros e locais de lecer nocturno, así como as restricións relativas á ocupación nas terrazas en determinados concellos.

Dado que a tramitación das medidas cautelarísimas supoñen que non se lle dea traslado do recurso á Xunta, o tribunal acordou, co obxectivo “de non furtar á administración a posibilidade de facer alegacións e de atender a petición subsidiaria efectuada pola parte actora”, que se continúe a súa tramitación como unha peza ordinaria de medidas cautelares.

A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG entende “non concorrente o requisito da urxencia”, indispensable para adoptar a medida cautelarísima demandada, “xa que non se acreditou o concreto prexuízo inflixido á asociación hostaleira recorrente nin o seu carácter de irreparable”.

Así, o alto tribunal galego destaca que en todas as medidas adoptadas pola Xunta, incluídas as que son obxecto de impugnación, “subxace o interese en evitar a aglomeración de persoas, de procurar que se respecten as medidas de distanciamento e, en definitiva, de protexer a saúde pública facendo fronte aos gromos e ás cadeas de transmisións existentes, procurando garantir a súa contención”.

Os maxistrados resaltan que teñen “un evidente fundamento sanitario, dados os riscos de transmisión dunha enfermidade contaxiosa como é a covid19”. Así, subliñan que “nos atopamos antes unhas medidas de prevención que se adoptan nun contexto de emerxencia de saúde pública”. Ademais, advirten da “preocupante evolución do número de contaxios nestes últimos días na área xeográfica á que se estenden as medidas cuestionadas, afectando de forma predominante a mocidade, que é o grupo de poboación que frecuenta en maior medida as discotecas e demais locais de lecer nocturno, así como as cafetarías, restaurantes e bares”.

“A orde impugnada neste procedemento caracterízase non só pola limitación xeográfica á que van destinadas as medidas, senón tamén pola súa limitación temporal, por canto a súa eficacia queda condicionada ao resultado do seguimento e da avaliación continua á que quedan suxeitas e, por tanto, en función da evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria”, indica o tribunal, que insiste asemade en que todas as limitacións “veñen avaladas por informes de autoridades sanitarias e dun comité científico”.

No auto, o TSXG non entra a valorar os argumentos da asociación respecto da suposta vulneración do dereito á intimidade da cidadanía ao ter que exhibir documentación de carácter sanitario, xa que é unha cuestión que non lle compete neste estado do procedemento, “no que non cabe oír á administración autonómica”. Os xuíces lembran que, neste momento do procedemento, limitan a súa actuación “para comprobar a motivación e xustificación prima facie das medidas adoptadas”. Así, conclúen que non se acreditou a concorrencia das circunstancias de especial urxencia necesarias para a adopción da medida cautelarísima solicitada pola asociación.

0.097263813018799