O TSXG exime á Xunta de pagar 1,4 millóns ao Hospital Quirón
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia denegou ao Sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes, titular do Hospital Quirón Lugo, a indemnización de 1.406.379 euros que esixía ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) polo prexuízo económico que asegura que lle causaron as medidas impostas, entre o 15 de marzo e o 21 de xuño de 2020, debido á pandemia da COVID-19. Desta forma, o TSXG rexeitou o recurso interposto pola empresa e confirmou a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Santiago de Compostela.
Os maxistrados salientan que, neste caso, a lesión patrimonial “non derivou dun comportamento antixurídico imputable á administración, senón dunha actuación causal, xustificada e lexítima”. Na resolución, explican que a situación de emerxencia sanitaria en Galicia obrigou a adoptar unhas medidas transitorias, como as recollidas na Instrución 6/2020, que aprobou o Sergas o 15 de marzo de 2020, as cales supuxeron “a suspensión de determinadas actividades asistenciais e a implantación doutras medidas, o que afectaba tanto aos centros propios como aos concertados”.
Esas medidas transitorias, segundo explica o alto tribunal galego, estaban dirixidas “a protexer ao persoal dos seus centros de atención primaria e hospitalaria, así como ao dos concertados, e aos usuarios; en concreto, e no que se refire aos centros hospitalarios, esa instrución facultoulles para que puidesen suspender ou aprazar determinadas actividades cirúrxicas xa programadas, así como consultas non urxentes e os programas de cribado, á vez que potenciaba a consulta telefónica e a atención domiciliaria dos doentes”. O que se discute, segundo os maxistrados, non é o carácter transitorio das medidas, senón se eran imperativas ou potestativas para os centros concertados.
“Pois ben, contrariamente ao que sostivo a titular dese hospital, en ningún momento ordenou a referida instrución que se puxese ao dispor (total ou parcial) do Sergas, como tampouco ordenou que paralizase a súa actividade asistencial para priorizar outras”, recalcan os xuíces, os cales sinalan que, pola contra, “o seu contido era claro cando referiu que as actividades aí descritas poderían ser suspendidas, de modo que, a falta doutras indicacións, que non se fixeron, lle correspondía á dirección deses centros abertos decidir en que supostos e baixo que circunstancias procederían a suspender a prestación”.
O TSXG incide en que o concerto que vinculaba desde o 16 de setembro de 2019 á sociedade mercantil Sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes co Sergas “non se viu alterado, nin modificado, polo estado de alarma, nin tampouco pola Instrución 6/2020 que ditou o xerente dese organismo sanitario”. Contra o fallo cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.