O TSXG rexeita paralizar o expediente sobre a cotización dos repartidores de Glovo en Lugo

LugoXa
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou a medida cautelar solicitada pola empresa Glovo na que pedía que se paralizase a tramitación do expediente relativo aos dereitos de cotización dos traballadores ou colaboradores de repartición que tramita a Unidade Especializada da Seguridade Social da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Lugo.
18 Xan 2023

A compañía alegaba “a existencia de irregularidades procedementais”, das cales derivaría a nulidade dese expediente. Así, segundo consta no auto do TSXG, puxo de manifesto que se están tramitando procedementos análogos en 37 provincias, polo que considera que a unidade inspectora carece de competencia, a cal, segundo Glovo, debería recaer na Dirección Especial da Inspección de Traballo e Seguridade Social, de ámbito estatal.

Os maxistrados indican na resolución que a Seguridade Social explicou que “non hai normativa legal nin regulamento de onde se poida deducir a obrigatoriedade de que as actuacións de inspección sobre empresas supraautonómicas deban necesariamente subsumirse pola Dirección Especial de Inspección en todos os casos”.

A sección segunda da Sala do contencioso-administrativo do TSXG rexeita no auto as alegacións da empresa. Así, destaca que “non se evidencia a produción de danos irreparables, que en calquera caso serían indemnizables pola Administración” en caso de prosperar a demanda de Glovo. Ademais, o tribunal asegura que “non se aprecia” que a Administración “actuase fóra da súa competencia ou á marxe do procedemento legalmente establecido”.

“Partimos de que se está recorrendo o que a parte demandante considera unha vía de feito, é dicir, unha actuación material da Administración”, destaca o TSXG, á vez que subliña que o que Glovo pretende é “que se paralice a tramitación dun procedemento que non culminou e cuxo resultado se descoñece”. Contra o auto cabe presentar recurso.

0.20009803771973